A portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, reclamou no Parlamento galego ao director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o seu compromiso para presentar en comparecencia parlamentaria o informe de avaliación do Plan RehaVita (Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020), despois de que fose adiado a súa remisión á Cámara en reiteradas ocasións, na última ocasión, cun compromiso para finais de 2021.
Logo de reprobar que o informe de avaliación segue sen ser presentado 14 meses despois de rematado o plan pese ás reiteradas iniciativas do BNG neste sentido, Fernández reprochou nunha pregunta parlamentaria ao director xeral do IGVS as súas evasivas e falta de respostas sobre a situación da vivenda pública en Galiza.
“Cando presenten o informe poderemos facer unha análise en profundidade, pero xa hai datos que temos por outras fontes e que dan conta dun incumprimento dos seus compromisos”, advertiu, para a continuación indicar que fronte ás 870 vivendas protexidas anunciadas para o período de vixencia do plan só se acometeron 400, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Un obxectivo incumprido que, segundo recalcou, era por riba xa “ridículo”, posto que a ese ritmo farían falta “75 anos para dar resposta a demanda, xa de 2015, do Rexistro de Demandantes de Emprego”, no que seguen inscritas as mesmas 15.000 persoas que en 2015 pese a que con este plan o Goberno do PP tamén se comprometía a facilitar solucións a este colapso do rexistro.
A deputada nacionalista tamén repasou o baixo grao de execución orzamentaria nos programas de acceso á vivenda, segundo os datos do propio informe de avaliación do Plan Estratéxico de Galiza 2015-2020 (cun grao de eficacia financeira sempre baixo que se situou no 54% en 2017, no 21,3% en 2018, no 32,9% en 2019 e no 53% en 2020).
De igual xeito, recriminou ao Executivo de Núñez Feixóo que anunciase con este plan o impulso da vivenda protexida destinada a aluguer cando, segundo os datos do Ministerio de Fomento, entre 2015 e 2018 “só puxo en marcha unha vivenda pública en alugueiro”, datos sobre os que, ao igual que os anteriores, o director xeral do IGVS tamén eludiu pronunciarse.
En todo caso, Fernández emprazouno non só a presentar dunha vez por todas no Parlamento galego o informe de avaliación sobre o RehaVita 2015-2020, senón que o mesmo non se limite a “indicadores vagos e xerais” e recolla tamén aqueles que dean conta do cumprimento concreto dos obxectivos estratéxicos, con información detallada por concellos e réxime de vivenda, entre outros. Neste sentido, advertiu, por exemplo, da “evidente paralización” da vivenda de promoción pública, cando era precisamente outro dos compromisos adquiridos neste plan.
“Se vostedes están realmente satisfeitos e orgullosos dos resultados deste plan, debería ser unha oportunidade vir ao Parlamento a presentar este informe de avaliación”, concluíu con ironía a portavoz nacionalista de Vivenda.