A deputada do BNG Iria Carreira esixiu no Parlamento que a Xunta atenda as alegacións presentadas por parte da sociedade galega en contra da reapertura da mina de Touro e O Pino e que non autorice o proxecto polos cuantiosos danos medioambientais e de contaminación fluvial que suporía e polos efectos para o sector turístico, o agrogandeiro ou o marisqueiro.
“O PP decidiu que a vantaxe de ter unha terra rica en recursos ía ser só para unhas cantas empresas amigas, e que a explotación ía ser unha condena para o noso Pobo”, afirmou, engadindo que o Goberno de Rueda quere converter Galiza nunha “barra libre de recursos, nunha terra de sacrificio para asentar industrias que se autorrecoñecen como de enclave para desenvolver, no fondo, unha política colonial na que as empresas sempre gañan e aquí só nos queda o refugallo e a destrución”.
A iniciativa do BNG, que foi rexeitada polo PP, incidía na ameaza que supón a reapertura da mina para o futuro de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, pero tamén para do Ulla, a ría de Arousa e, en xeral, para todo o País. Pero tamén subliñaba a condena que supón no presente, e por iso reclama un maior control sobre a calidade das augas dos ríos Pucheiras, Portapego, Lañas e Brandelos e sobre os vertidos que están a producir xa unha “contaminación grave e constante” sobre a bacía do Ulla, tal e como se puido ver nunhas fotografías que amosou a deputada. Diante destes vertidos, a Xunta “mira para outro lado, e cando non pode mirar máis, impón a sanción máis leve posible”, denunciou.
Malia o “antiaging” ao que foi sometido, Carreira advertiu que o proxecto segue a ser o mesmo que se presentou en 2017 e que recibiu unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable en 2020. Subliñou que a Lei 21/2013 de avaliación ambiental recolle a posibilidade de non admitir a trámite un proxecto por non ter cambios substanciais a respecto do que foi rexeitado, pero o PP “decide embarullar e volver tramitar o tramitado, quizá coa esperanza de que o resultado desta vez sexa diferente”, recriminou.
Ademais, denunciou que na fase de exposición pública había partes que “estaban censuradas polo seu suposto carácter segredo e confidencial”. “Confidencial algo tan básico como é o entramado empresarial que está detrás deste proxecto”, subliñou.
“Non traemos a debate unha cuestión técnica senón unha cuestión claramente política, igual ca de decidir ser comerciais de Altri ou a de renunciar a unha quita da débeda que permitiría aumentar os orzamentos destinados a servizos públicos porque lles cadra ben no discurso marcado por Madrid”, manifestou.
As amezas da mina
Iria Carreira debullou as ameazas que suporía a reapertura da mina para o territorio e para os sectores produtivos. Asegura que afectaría directamente ao sector agrogandeiro, fundamental na comarca de Arzúa, e ao marisqueiro na Arousa. O camiño francés pasaría a 2 km e o holandés ou a ruta Eurovelo 3 discorrerían directamente polo límite da explotación mineira. Tamén poría en perigo a supervivencia de Fonte Díaz e de Touro, un concello que xa sofre restricións de auga nos veráns de xeito habitual.
Trátase dun proxecto que “pretende chantarnos unha mina a ceo aberto como se estivésemos no século XIX sen nin sequera considerar outras alternativas que terían un menor impacto sobre o territorio”, criticou. Unha mina que ameza directamente unha aldea coma a de Arinteiro, na parroquia de Loxo, na que vive xente e onde hai explotacións gandeiras, e que quedaría sepultada entre dúas tremendas balsas de inertes, unha delas a 3 km e de 80m de altura con capacidade para 34 millóns de toneladas, e outra a pouco máis de 200 m. con capacidade para 69 T.
“E todo isto coa fabulosa contraprestación dunha suposta creación de emprego”, ironizou. O proxecto indica que se crearán 421 postos de traballo directo pero nin explica nin cal é o método de análise para inferir esa cifra nin se proporcionan os investimentos desagregadas por ramal. Ademais, na fase inicial, a que suporía maior empregabilidade, se xerarían 64 empregos directos nos municipios de Touro e O Pino. “Un absoluto acto de fe que mesmo fraquea nas previsións da empresa”, salientou a deputada nacionalista.
A iniciativa foi rexeitada polo PP.