A deputada do BNG Montse Prado demandou hoxe ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, unha rectificación sobre a orde para sacar a concurso, por máis de dous millóns e medio de euros, a prestación do servizo de interrupción voluntaria do embarazo para derivalo a clínicas privadas. “Supón un paso máis na carreira irresponsábel na que leva o PP os últimos catorce anos para descapitalizar a sanidade pública en beneficio da privada”, asegurou.
Nunha interpelación ao conselleiro, Prado observou un “nesgo claramente ideolóxico” nesta licitación e cuestionou que a falta de recursos afecte ao dereito á realización de abortos e non a outras prestacións. “Por que non teñen planificado e polo tanto dotado dos recursos á sanidade pública, toda vez que o aborto é unha prestación contemplada na carteira de servizos comúns dos Sistema de Saúde como calquera outra prestación?”, preguntouse a deputada nacionalista.
“Esta licitación non ten a ver coa falta de recursos, ten a ver cunha escolla claramente ideolóxica do PP que ten como obxectivo facilitarlle o negocio á sanidade privada e con posicións cada vez máis ultras no que a dereitos das mulleres se refire”, asegurou Prado, para quen a decisión da Consellería de Sanidade busca tamén “estigmatizar ás mulleres derivándoas a clínicas privadas, como algo excepcional, na vez de atendelas no seu hospital de referencia polos profesionais do servizo como calquera outra prestación”.
Prado acusou aos responsables da Consellería de usar “de xeito torticeiro e escurantista” a obxección de conciencia para xustificar a privatización do servizo. Demandou, neste sentido, unha regulación e que se cree un Rexistro de Obxectores para, entre outras cuestións, saber que profesionais son obxectores e si o son na sanidade pública e tamén na privada.
A deputada nacionalista esixiu ao conselleiro que de un paso atrás na privatización e garanta que as galegas podan exercer o dereito ao aborto no centro público máis próximo ao seu domicilio. Neste sentido, lembrou que cada ano se prevén en Galiza unhas 800 interrupcións voluntarias do embarazo cualificadas de intervencións pouco complexas. Tendo en conta que no País existen 14 hospitais públicos, salientou, cada un deles atendería arredor de 57 ao ano, pouco máis de un á semana. Datos que expuxo para cuestionar “se de verdade non hai capacidade para programar un aborto á semana en cada hospital” ou, pola contra, a Consellería de Sanidade quere facilitar o negocio das clínicas privadas.
Prado pediu ao conselleiro que destine os dous millóns e medio de euros desta privatización a dotar de recursos aos centros públicos para garantir que poidan realizar todas as intervencións de IVE. Reclamou ademais a Sanidade que garanta que nos centros públicos existan profesionais que realicen abortos. “Así como programan para que haxa profesionais para realizar unha transfusión ou operar unha apendicite, tamén ten que haber para unha interrupción dun embarazo”, afirmou.
“O dereito ao aborto, a decidir sobre os nosos corpos, conquistámolo as mulleres a base de moita loita, e non lle imos permitir que nos poñan obstáculos para exercelo”, concluíu.