Parlamento Galego

BNG esixe á Xunta do PP que cumpra a lei e non autorice o grao de Dereito na Universidade privada UIE de Abanca

Daniel Castro
Daniel Castro

Daniel Castro acusa o PP de seguir facilitando a privatización do ensino universitario ao tempo que infrafinancia as universidades públicas

Fronte ao argumento do PP, asegura que pagar 42.000 € polo grao de Dereito na UIE, 10.500 ao ano, “non é liberdade de elección, é un privilexio” 

BNG esixe á Xunta do PP que cumpra a lei e non autorice o grao de Dereito na Universidade privada de Abanca, á que o deputado Daniel Castro cualificou de “axencia de colocación dos e das privilexiadas deste País”, xa que é unha titulación que custa 42 mil euros, o que supón para as familias uns 10.500 ao ano. “Isto non é liberdade, é privilexio, e o PP é capaz de facer calquera cousa con tal de defender o privilexio. Mesmo de incumprir a lei reiteradamente”, denunciou.

A iniciativa que o BNG defendeu no Parlamento, e que o PP votou en contra, recollía a petición dos reitorados das tres universidades públicas de Galiza, dos sindicatos de estudantes e da propia lei do PP –Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galiza–, que di que “a creación de novas titulacións nas universidades condicionarase a que o seu catálogo de titulacións sexa complementario e non reiterativo ás preexistentes”.

 “Como me explican, señorías do PP, que habendo catro titulacións de Dereito no noso País, con 480 prazas nas universidades públicas, e tendo en conta que a demanda dificilmente vai subir por razóns demográficas, e indo claramente contra a súa lei, dean o visto e prace a esta titulación?”, preguntou ás bancadas populares

Para Castro,  o PP está permitindo que se ofrezan títulos a estudantado “privilexiado” que “nin garanten a calidade educativa nin a profesionalidade académica”, tal e como aseguran dende os reitorados de Santiago, Vigo e A Coruña, para quen a proposta da Universidade Intercontinental de la Empresa (UIE) “carece de profesorado e de experiencia investigadora para acometer unha titulación de grao de Dereito”.

Sinalou que como non poden quitar un deses catro graos de oferta pública, o que fan é poñerlle un grao á privada para competir con ela.  “Se a aposta a fixese unha Universidade pública dirían que non, pero como falamos de Abanca, alfombra vermella”, espetou, lembrando que sería a segunda vez que ocorre, porque xa lle “regalaran” o grao de Psicoloxía que xa existía na Universidade de Santiago.

Castro acusa o PP de seguir facilitando a privatización do ensino universitario ao tempo que infrafinancia as Universidades públicas, que teñen dificultades para cubrir o gasto estrutural e “aínda por riba lles crean rivais”.

O Servilismo e a meritocracia do PP

Afondando na polémica, o deputado nacionalista evidenciou a ausencia da lingua galega neste grao de Dereito porque -dixo- na web da Universidade de Abanca, publicitando “ilegalmente” o seu título, “xa se pode ver claramente que linguas se van empregar, castelán e inglés; e o galego, supoño que a consellería de de atrezzo que teñen nada ten que dicir”, ironizou.

O portavoz de Universidades do BNG afirmou que “é tal o servilismo que ten o PP coa que a pesar de que o grao de dereito na universidade privada UIE non ten o permiso definitivo da Xunta,  xa o están anunciando na súa web e en redes sociais”.

Neste sentido, Castro preguntou se a meritocracia que o conselleiro “repite cada tres frases” se fomenta “incumprindo a lei para que uns poucos, pagando, poidan sacar máis facilmente un grao ca o resto dos mortais”. “Meritocracia é ter máis cartos, nacer nunha familia e non noutra, que che esixan menos e poder ter acceso a mellores postos de traballo?”

“Dálles igual a Universidade pública?, Mandoulles o señor Escotet? Ou xa queren instaurar aquí o ‘modelo Ayuso’?” preguntou. Onde está o coñecemento, onde está a defensa desa meritocracia? Esta xente traballa?, Non, esta xente paga títulos, e aquí xa se ve quen son os seus comerciais”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG