BNG esixe a Rueda que dea marcha atrás co anteproxecto de lei da CRTVG porque suporía “un retroceso democrático brutal”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil acusa ao PP de intentar facerse co dominio absoluto da radio e a televisión públicas do País cunha reforma feita a medida dos seus intereses

A viceportavoz  do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, esixiu ao PP que dea marcha atrás co anteproxecto de lei da Corporación Radio e Televisión de Galiza (CRTVG) porque, advertiu, tal e como está suporía “un retroceso democrático brutal”. “Pedímoslle ao Partido Popular que dea marcha atrás na reforma da lei e que non se atreva, nin sequera, a presentar tal despropósito”, asegurou.

Rodil denunciou que “despois de anos facendo da CRTVG o seu terminal de propaganda”, o Goberno de Rueda prepara unha reforma lexislativa feita “a medida dos intereses do PP co único obxectivo de facerse co control absoluto da radio e da televisión públicas de Galiza”. Para iso, o PP ten xa redactado un proxecto de lei con “tres finalidades moi claras” : controlar a dirección da corporación poñéndoa ao servizo do PP, eliminar os órganos de participación profesionais, e abrir a porta dos medios públicos de Galiza a linguas distintas do País, subliñou a deputada nacionalista.

Segundo criticou Rodil, o texto do anteproxecto permitiría o nomeamento da Dirección Xeral da CRTVG cos únicos votos do PP, dando carpetazo á lei de 2011, que fixa unha maioría reforzada do Parlamento (45 votos) para a elección deste órgano, o que implica o apoio de máis dun grupo da Cámara. Unha lei, a do 2011, que o PP “leva boicoteando  desde a súa entrada en vigor” até o punto de que o actual director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, mantén o seu cargo “nunha situación de interinidade vitalicia”, reprobou.

A viceportavoz do BNG emprazou así ao PP, non só a retirar o anteproxecto, senón tamén a pór fin a actual “anomalía democrática” e lembrou que o BNG xa presentou en diferentes ocasións no Parlamento propostas para iniciar as negociacións políticas necesarias para elixir unha dirección xeral da CRTVG que respondese aos principios de pluralidade, transparencia e profesionalidade.

A norma que o PP quere aprobar no Parlamento, tal e como transcendeu na prensa e o BNG puido contrastar, prevé ademais suprimir o Estatuto Profesional e o Consello de informativos previsto na lei de 2011 como órgano interno de participación dos profesionais da información da corporación para velar pola súa independencia, a veracidade e a obxectividade.

“Despois de máis dunha década negándolles os dereitos ás e os profesionais, despois de 8 anos de mobilización do persoal da CRTVG na Plataforma Defende a Galega reclamando a garantía dos seus dereitos profesionais para cumprir coa misión de servizo público que teñen, agora o PP pretende fulminar calquera atisbo de participación profesional que poida contradicir a liña editorial que marque o partido”, denunciou Olalla Rodil, que quixo lembrar que todos os medios públicos da nosa contorna, desde a EiTB, até a BBC, teñen órganos  como o que quere  eliminar o PP de Rueda, creados para que o cadro de persoal poida traballar sen inxerencias garantindo a súa independencia.  

Ataque frontal e sen precedentes aos dereitos lingüísticos

“É gravísimo”, agregou a deputada do Bloque, quen advertiu que o PP de Rueda “non ten un só límite”, como se demostra en que coa súa reforma queira chegar “até onde agora non se atreveu a ir ninguén até o de agora”, apuntou en alusión ao “ataque frontal e sen precedentes” aos dereitos lingüísticos do País que suporía abrir a porta da radio e a televisión públicas a outros idiomas distintos da lingua galega.  

Unha medida que, subliñou, suporía “atacar a liña de flotación dos medios públicos” de Galiza, pois a promoción e a normalización da lingua galega é un dos principios fundacionais da CRTVG, que quedaría así “desnaturalizada”.  

Rodil salientou que nos últimos 15 anos o PP xa “arrastrou a CRTVG polo chan triturando dereitos das e dos profesionais, aos que perseguiu laboralmente por atreverse a denunciar o que está facendo o PP cos medios públicos deste País”, convertendo os servizos informativos “no seu terminal de propaganda” e negando non só os dereitos dos seus traballadores senón tamén da cidadanía.

Un dereito a defender, como a sanidade e a educación

É por iso que, diante da gravidade dos plans do Executivo popular, a deputada nacionalista fixo unha chamada á sociedade galega para que se mobilice na defensa dos medios de comunicación, a través, por exemplo, do seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por máis de 40 organizacións e entidades sociais para devolver a radio e televisión de Galiza “aos seus únicos e lexítimos propietarios, as galegas e os galegos”. “Porque a CRTVG é un dereito, un servizo público igual que a sanidade e a educación, e non podemos permitir que o PP a secuestre desta maneira”, concluíu.

 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG