O BNG esixe unha investigación sobre a filtración a centros de maiores das datas nas que van ser visitados pola Inspección

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil considera “escandaloso” que o propio persoal de inspección de Política Social sinale ao Goberno do PP como responsable de obstruír o seu traballo e protexer ás empresas fronte ao benestar dos usuarios   

A deputada do BNG Olalla Rodil vén de rexistrar una iniciativa parlamentaria para esixir ao Goberno do PP a apertura “inmediata e coa máxima dilixencia” dunha investigación sobre a filtración a empresas de residencias de persoas maiores das datas e horas nas que van recibir a visita dos servizos de Inspección, tal e como denunciou a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss).

“A denuncia é gravísima, porque suporía unha vulneración da lei e un intento por obstruír, por obstaculizar desde o propio Goberno da Xunta o labor dos servizos de Inspección, que son os que deben velar polo cumprimento da lei”, advertiu.

Na súa iniciativa, a voceira de Dereitos Sociais do Bloque lembra que foi a propia Agiss quen fixo saber publicamente que membros da Consellería de Política Social filtraban ás empresas propietarias e xestoras das residencias o día e a hora prevista para as visitas dos inspectores. A asociación explicou que alertou do que estaba a suceder á subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e á secretaría xeral técnica da Consellería de Política Social, que acordaron mudar o procedemento para garantir que só o persoal do servizo de inspección coñecera cando se ía proceder á visita aos centros. Porén, o novo sistema quedou pronto sen efecto “sen aclarar os motivos da decisión e sen xustificación ningunha”, expuxo a Agisss.

Para o BNG, o manifestado polos inspectores resulta “escandaloso”, polo que urxe á Xunta a iniciar de inmediato unha investigación interna “para esclarecer o que está acontecendo e depurar todas as responsabilidades que existan de ser confirmar  o denunciado polos inspectores”, explicou Rodil.

A deputada lembra que os servizos de inspección son os encargados de velar polo cumprimento da lexislación vixente en materia de centros sociais e, con iso, garantir o “respecto escrupuloso” dos dereitos fundamentais das persoas usuarias dos mesmos, “moitas delas colectivos especialmente vulnerables como persoas dependentes, menores ou persoas con discapacidade”. “Calquera información filtrada previamente ás empresas e entidades propietarias e/ou xestoras deses servizos supón unha violación da lei”, advirtiu.

“Durante a pandemia da Covid vimos cal é a situación das residencias de maiores en Galiza, as consecuencias nefastas do excesivo grao de privatización deste servizo; o incumprimento reiterado das rateos de persoal por parte das empresas e as consecuencias que iso ten na calidade de vida e o benestar das persoas maiores”, apuntou Olalla Rodil, quen advertiu que “desde aquela nada mudou porque o Partido Popular non quixo cambiar nada”. “Agora vemos, con estupor, como son os propios inspectores da Consellaría quen sinala o Goberno como responsable de obstruír, de obstaculizar o seu traballo e protexer os intereses empresariais”, subliñou.

O Bloque considera imprescindible a implantación dun procedemento de inspección que garanta a confidencialidade da información e protexa o traballo dos inspectores impedindo filtracións e avisos. Na iniciativa presentada no Parlamento, reclama así mesmo a dotación ao servizo de inspección de persoal e de recursos, “absolutamente insuficientes” . “A día de hoxe para inspeccionar todos os servizos sociais, non só residencias, hai pouco máis dunha ducia de persoas, e así e imposible”, salientou a viceportavoz primeira do BNG na Cámara.

             

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG