BNG esixiu no Parlamento galego a dimisión do director xeral da CRTVG pola sentenza xudicial do Xulgado do Social de Compostela que condena, “branco sobre negro”, á compañía por represalias a un traballador pola súa participación nos denominados Venres Negros cos que o cadro de persoal denuncia a manipulación dos medios públicos, unha sentenza “histórica” porque é a segunda sentenza neste sentido en todo o Estado.
“As actuacións tomadas pola dirección, que son un feito probado, denigran a imaxe e a credibilidade da corporación; vai vostede a dimitir do seu cargo para que a corporación e a súa imaxe se salvagarden”?, cuestionou con severidade a deputada nacionalista Alexandra Fernández ao director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, na comisión permanente de control do ente público na Cámara galega, na que lle reclamou a restitución dos dereitos do profesional represaliado, Carlos Jiménez, unha desculpa e que o máximo responsable dos medios públicos galegos “poña o seu cargo a disposición”.
Logo de advertir que o pronunciamento xudicial “non ten matices nin subterfuxios”, senón que establece claramente “que hai unha inmediatez temporal entre as mobilizacións dos Venres Negros e a participación activa do traballador nestas mobilizacións co expediente que se lle abre e a sanción que se lle impón”, Fernández recalcou que o pronunciamento xudicial “certifica a ollos de todas e todos os traballadores e da opinión pública que, se dende a dirección teñen que empregar estas prácticas sucias contra os traballadorxs que denuncian a manipulación informativa, é porque efectivamente hai manipulación e hai presións dentro da corporación”.
Logo de recriminar a Sánchez Izquierdo que siga defendendo posicións que acaban de ser censuradas pola Xustiza, a deputada nacionalista reclamou a retirada do recurso presentado polo ente público contra a sentenza: “retiren o recurso, restitúan os dereitos e a honorabilidade deste traballador e deixen de seguir atacando posicións que xa están avaladas nos Xulgados”, demandou.
Nesta liña, recalcou que “non é que a sentenza sexa un problema para a reputación da CRTVG, senón que revela o problema que son vostedes” porque, segundo afirmou, “todos e todas sabemos que o uso da represión laboral é unha decisión que vén dende a cúpula da dirección, que é a quen lle molesta que se denuncie a liña que ten tomada”.
Así, recordou que a apertura do expediente ao traballador “é unha decisión que se toma dende a Área de Contidos e que é avalada pola dirección, como quedou claro cando vostede viu comparecer sobre as denuncias do colectivo dos Venres Negros”.
Fernández tamén lembrou ao director da compañía cando dicía no Parlamento hai catro anos que falar de represión por parte da CRTVG “era cando menos desafortunado” e que era “moi de panfleto sindical”, cunha evidente actitude despectiva e pexorativa cara á representación lexítima das e dos profesionais. “Aquí xa non pode dicir que son opinións malintencionadas de traballadores, é unha sentenza do Xulgado do Social, vaise retractar das súas palabras e poñer o seu cargo a disposición?”, concluíu.