A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, defendeu no pleno unha proposición non de lei para reclamar a apertura das aproximadamente mil camas pechadas polo SERGAS nos diferentes centros hospitalarios do país, ademais do peche de quirófanos e outros medios, que están a provocar como cada verán un asistencia de peor calidade, un colapso nos servizos de urxencia hospitalarios e unha saturación nos centros de atención primaria.
Prado citou como exemplos o peche na área de Vigo do 20% das camas, o 60% no Meixoeiro que pasa a ter pechadas durante 3 meses 330 camas, ao que se suma o peche plantas enteiras no Álvaro Cunqueiro, 28 en Monforte ou 30 no hospital da Mariña. Tamén o peche de 110 camas no Hospital de Conxo, de 12 quirófanos na EOXI de Santiago, máis de 90 en Pontevedra, unidades enteiras en Lugo, como medicina interna e a planta de paliativos durante tres meses no HULA.
O peche de camas ten importantes repercusións tanto no aspecto asistencial como laboral, explicou Prado, porque dificulta o acceso á atención sanitaria, reduce a asistencia cirúrxica, provoca sobrecarga de traballo e incrementa o risco de infeccións porque se mesturan persoas con diferentes doenzas na mesma planta.
“Non se pode facer máis con menos, non se pode prestar unha atención de sanidade de calidade con menos efectivos”, recalcou, máxime tendo en conta que en moitas zonas do país no período estival é precisamente cando máis aumenta o número de persoas usuarias.
As consecuencias negativas do recorte de camas e doutros servizos tamén provoca “que aumente a lista de espera, a presión en atención primaria e nos PACs, supón tamén mais presión sobre os profesionais”. En relación ás lista de espera, Prado denunciou as trampas do SERGAS, limitándose a recoller nesta estatística as cirúrxicas e a primeira consulta, “pero o resto pasa á caixa de correo”.
Así, quedan fora das listas de espera as revisións ou as citas para coñecer resultados das probas diagnósticas. “E que din as persoas doentes? Que é insoportable vivir coa incerteza de saber como están, se están empeorando, porque se o seu especialista lle di que os quere ver en seis meses porqué logo tardan ano e medio ou dous anos, e todo isto mentres o PP presume de listas de espera cando eles as sofren en carne propia”, salientou Prado.
O peche de camas tamén provoca unha saturación da atención primaria e o colapso das urxencias nos hospitais, con doentes amoreados nos corredores dos hospitais. “Por exemplo no CHUAC denunciaron fai uns días que houbo doentes que estiveron esperando até 72 horas esperando por unha habitación nos corredores de urxencias. E colapsa tamén a atención nos centros de saúde, frustrando aos profesionais que ven como non poden atender en boas condición”, explicou Prado.
Desde 2009, hai 800 camas menos no sistema sanitario, o que equivalente ao 10% do total, ao tempo que se incrementaron os concertos na sanidade privada un 5%. Neste contexto, a proposición non de lei do Bloque vetada polo PP propoñía a apertura de todas as camas pechadas, facer as contratacións e substitucións do persoal, ter operativos todos os discursos dos que dispón o SERGAS e non realizar ningunha derivación de doentes á privada, nin sacalos da lista de espera se esixen ser atendidos na sanidade pública.