PARLAMENTO GALEGO

BNG esixe ao PP que deixe de xogar coa saúde da veciñanza do Salnés e use a ambulancia do 061 para as urxencias da zona

Montse Prado
Montse Prado
A deputada Montse Prado denuncia que se está a utilizar a ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés para traslados a outros centros

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, esixiulle ao PP que deixe de xogar coa vida e coa saúde da veciñanza do Salnés ao permitir que se use a ambulancia medicalizada con sede no Hospital comarcal para facer traslados de doentes non clínicos a outros hospitais, deixando descuberta á poboación da comarca durante horas.

Na proposición non de lei defendida por Montse Prado na Comisión 5ª pedíase, entre outras demandas, a rectificación desta decisión, é dicir, que eses traslados se realizasen coa UVI móbil destinada a esta fin e que conta con persoal facultativo e de enfermaría do servizo de urxencias do propio hospital, con gardas localizadas e remuneradas. O PP votou en contra desta rectificación.

A deputada advertiu que, só no que levamos de mes, xa están adxudicados máis de vinte traslados entre hospitais. “Pero como é posible que o teñan para iso? Se non é unha revancha para os profesionais, que levan demandando que esa ambulancia cumpra co que ten que cumprir, paréceo”, afirmou.

A Prado resúltalle “incrible” que o 061 diga que están atendidas as urxencias da poboación do Salnés, e que se non está a ambulancia medicalizada, que está a de soporte vital básico. “Unha auténtica burla porque unha ambulancia básica non ten nin a medicación, nin os recursos nin os dispositivos para atender as emerxencias vitais”, advertiu..

Na súa exposición de motivos, a deputada nacionalista argumentou que o transporte sanitario urxente é unha peza clave na asistencia sanitaria, dada a dispersión xeográfica do noso País e das enormes distancias a percorrer en moitas zonas para chegar a un hospital.

“Hoxe o PP vota en contra de que se elabore un estudo de cal é realmente a situación do transporte sanitario urxente ou que medidas hai que tomar para que realmente atenda á poboación”, lamentou.

A portavoz de Sanidade afirma que as carencias do servizo “non só as denuncia desde hai anos o BNG, xa que o último informe do Consello de Contas deixa claro que os tempos de respostas son insuficientes e que hai miles de galegos e galegas que non teñen asistencia urxente diante desta necesidade.

Segundo denunciou, hai 137 concellos onde nunca chega unha ambulancia medicalizada e case un millón de galegos e galegas, 229 concellos, están fóra da isócrona, é dicir, dos tempos de resposta, que no servizo de Soporte Vital Básico (SVB) debería ser de 15 minutos e no de Soporte Vital Avanzado (SVA), de 20.  En 198 concellos, que concentran o 22% da poboación con máis de medio millón de habitantes, os tempos de resposta nas AA-SVB están por riba do máximo establecido, chegando a triplicarse. “Son datos que deberían facer reflexionar á Xunta do Partido Popular”.

O PP tamén votou en contra de esixirlle á empresa Eliance que manteña operativos dous helicópteros, como esixía o contrato. Unha empresa que, segundo denunciou Prado, está a incumprir os horarios, xa que  tiña que cubrir o servizo ”de orto a ocaso pero que, nos meses de máis sol, durante catro horas non o fai, quedando desatendida a poboación. “Un negocio moi lucrativo para a empresa, que non ten que ter persoal e que ademais lle permite non ter helicóptero de substitución para cando sexa necesario”, subliñou.

Prado lamentou que o PP tamén votase en contra de que o helicóptero permaneza na base do Hospital do Salnés durante todo o ano e que nos meses do verán se reforce con outro en Sanxenxo e O Grove. Ademais, tamén se menaifestou en contra de dotar de dous técnicos a ambulancia medicalizada do Salnés, “necesarios para realizar con eficiencia o traballo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG