BNG esixe ao Goberno do PP que reclame os 11,7 M€ que lle perdoou a Greenalia e pide “responsabilidades políticas”

Luís Bará
Luís Bará

Bará denunciou o “trato de favor” do PP a esta empresa privada que derivou nun “fraude moi grave” que supón grandes perdas para a administración pública, polo que pediu a revisión e anulación do acordo

O portavoz de Medio Ambiente demandou o cese de Paula Uría, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que aprobou esta condonación a Greenalia, empresa onde senta no seu consello de administración a ex-conselleira popular Beatriz Mato

O BNG esixiu no Parlamento a reclamación dos 11,7 millóns de euros que o Goberno do PP lle perdoou a Greenalia, empresa eólica onde senta no seu consello de administración a ex-conselleira do Partido Popular, Beatriz Mato, e emprazou á Xunta a anular o acordo con este empresa, ademais de solicitar a comparecencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria para a vindeira sesión plenaria.

“É unha irregularidade manifesta que este perdón da débeda teña efecto retroactivo”, denunciou o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, en alusión á estratexia da Xunta de aprobar un plan industrial “irregular”. Esta irregularidade, sostivo, comeza cando Greenalia solicita un plan industrial para os parques Campelo e Lamas de Feás despois de adquirir a empresa Kaekias Eólica S.A. Previamente, Kaekias resultara adxudicataria de 75MW no concurso eólico do 2010 e, ao estar por debaixo dos 108MW que solicitara, renunciou a executar dito plan e solicitou a monetarización.

Greenalia, unha vez propietaria de Kaekias, decidiu solicitar substituír a monetarización por un novo plan industrial, “algo que non contempla a norma”, criticou Bará. Neste “novo” plan industrial Greenalia alude uns investimentos realizados entre 2015 e 2019, “antes mesmo da adquisición de Kaekias” concedida pola Xunta en outubro do 2018.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, aceptou a nova proposta de modificación deste plan industrial, co perdón dos 11,7 millóns de euros a Greenalia, diñeiro que debe ser reclamado para as arcas públicas, “algo que, de non facerse, suporía un gravísimo prexuízo para a facenda pública e un trato de favor a unha empresa privada”, recriminou o portavoz de Medio Ambiente. Este aproveitou a súa intervención para demandar “o cese fulminante” de Uría, actual secretaria xeral de Industria, por un “plan industrial fraudulento” e advertiu ao actual director xeral, Pablo Fernández Vila, que “se non reclaman eses 11,7 millóns de euros estarán concorrendo nun fraude moi grave”.

“Vostedes non poden vir á sede da soberanía do pobo galego a facer propaganda”, criticoulle Bará ao Goberno do PP, esixíndolles “respecto a este Parlamento” e “responsabilidades políticas” por este trato de favor da Xunta a unha empresa privada vencellada ao boom eólico.

O deputado do BNG advertiu, neste sentido, que “chegaremos a onde faga falta” para que Galiza non perda cartos da súa facenda pública, polo que pedirá a comparecencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria, Francisco Conde, no vindeiro pleno da Cámara.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG