Parlamento Galego

O BNG empraza a Xunta a crear vivenda protexida, pois hai 15.000 persoas solicitantes rexistradas

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
A deputada Alexandra Fernández lembra que a crise inmobiliaria de 2007 provocou milleiros de desafiuzamentos e un parque excedente de 300.0000 vivendas baleiras en Galiza

A deputada do BNG Alexandra Fernández instou a Xunta a “redistribuír o parque inmobiliario para garantir o dereito a vivenda” e a realizar unha intervención pública para crear vivenda protexida. “Tanto VOX como o PP levan semanas tratando de animar un falso problema problema de okupación co obxectivo de blindar os intereses de quen especulan coa vivenda”, afirmou durante a comparecencia da conselleira de Vivenda no Pleno do Parlamento.

Alexandra Fernández ofreceu datos “que non se corresponden con ese medo que se pretende infundir”, porque en Galiza houbo neste primeiro semestre do ano 51 okupacións, que representan unha baixada do 21,5% interanual e un 0,003% das 1.605.998 existentes no parque inmobiliario.

Fixo referencia a que a “a crise que vén por diante vai empeorar a situación de acceso á vivenda porque van aumentar as familias que se van ver na rúa, as que non van poder pagar o piso e, ante iso, a única proposta que trae a Xunta é converter os traballadores e traballadoras en chivatos ao servizo dos fondos de investimento”.

Prezos abusivos sen contrapeso de vivenda pública

Lembrou tamén que as consecuencias da crise inmobiliaria de 2007 pagounas a maioría social “con milleiros de desafiuzamentos e cun parque excedente de 300.0000 vivendas baleiras en Galiza”, que son “un dispendio social e ambiental”. Sinalou que o problema actual son a distribución do parque inmobiliario “e os prezos abusivos marcados por un libre mercado sen o contrapeso dunha vivenda pública”.

“A vivenda protexida está completamente paralizada, pois en 5 anos houbo 81 cualificacións provisionais de vivenda protexida, cando hai 15.000 persoas inscritas no Rexistro de demandantes, das que 10.000 requiren vivenda de alugueiro”, explicou. “Vostedes néganse a crear un parque público de vivenda en alugueiro digno”, engadiu a deputada.

En canto á rehabilitación, destacou que o modelo de axudas instaurado pola Xunta o único obxectivo que persegue é inxectar fondos públicos para manter a flote a sector da construción, “pero sen vontade de transformar a situación actual da falta de oferta de alugueiro nin de aumento do parque público de vivenda”, advertiu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG