O deputado do BNG Daniel Pérez preguntou no Parlamento polo proxecto da liña de alta tensión (LAT) Bustelo-Meirama, ao detectarse eivas na documentación respecto á distancia coas vivendas, o cumprimento das Directrices da Paisaxe de Galicia ou no que ten que ver co uso e aproveitamento que poderán facer dos terreos afectados as persoas propietarias.
“É un proxecto moi pobre”, afirmou, para a continuación demandarlle á Xunta do PP que lle esixa á promotora “o cumprimento escrupuloso da legalidade e que defenda os dereitos dos veciños e veciñas afectadas”. O proxecto foi sometido hai pouco a información pública no Diario Oficial de Galicia e ten como finalidade a evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Bustelo-Baralláns e Alto Torreiro. Un dos puntos máis controvertidos para o deputado da comarca é que a construción do parque eólico Bustelo está actualmente suspendida cautelarmente por unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o que para Pérez levanta dúbidas sobre a necesidade real de instalar esta liña de alta tensión se o parque eólico non se chega a construír. “Aquí, o tamaño importa”, apuntou, en relación á se estaría ben dimensionada a liña para evacuar a enerxía dun só parque eólico.
A proposta da LAT, que afectaría aos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Cerceda, Ordes e Carral, ten unha voltaxe de 220kW e contaría con 98 apoios ao longo de 38,5 km.
No caso de Cabana de Bergantiños, están contempladas dúas torres de alta tensión e afectaríaa 12 parcelas, oito delas de uso agrícola e forestal. Ao seu paso por Coristando, o proxecto implicaría un impacto significativo sobre zonas de especial conservación (ZEC) e hábitats protexidos, especialmente nas parroquias de Valenza e Erbecedo.
En Carballo están proxectados os apoios que van do 31 ao 35 e que discorrerían por terreos catalogados pola normativa municipal como solo rústico de especial protección forestal, agropecuaria, de infraestruturas, de augas, paisaxística e arqueolóxica. Atravesaría o núcleo rural de Gontade, onde, na súa parte norte, afectaría a unha parcela na que existe un centro de educación especial; tamén, no lugar da Igrexa afectaría ao centro social de Ardaña. Ademais, pasaría a menos de cen metros de A Cesta, Quintáns, Arganosa, Calvelo de Arriba, Calvelo de Abaixo, Covas de Abaixo e Petón, limitando a posibilidade de construír nas parcelas afectadas. En menor medida, a LAT tamén afecta aos concellos de A Laracha (parroquia de Montemaior) e Cerceda.
As eivas do proxecto
Daniel Pérez advertiu que a proximidade a vivendas en varias zonas representa un risco para a saúde pública, polo que sería preciso un estudo máis exhaustivo para poder certificar se se compren cos estándares e recomendacións da OMS sobre os campos electromagnéticos e os efectos acústicos derivados da instalación.
Engadiu que o proxecto carece de medicións das distancias entre a liña e as vivendas, de medidas protectoras para os posibles efectos dos campos electromagnéticos e dun plan de seguimento ambiental. O proxecto tampouco xustifica o cumprimento das Directrices das Paisaxes de Galicia nin atende á necesidade de optimizar o trazado ao evitar duplicidades con liñas de alta tensión xa existentes na zona, posto que, recordou Pérez, o trazado da LAT Bustelo-Meirama “discorre preto e en paralelo a outra liña existente”, salientou.
Ademais, advertiu que na planimetría presentada sinálanse “servidumbres de vuelo”, “superficie de no arbolado” e “superficie de no edificación”, pero no proxecto non se indica como afecta esa catalogación ao uso ou ao aproveitamento que poderán facer dos terreos afectados as persoas propietarias.
Diante desta situación, o deputado nacionalista preguntou na Comisión 6ª pola valoración xeral que fai a Xunta de Galicia sobre o proxecto da liña de alta tensión Bustelo-Meirama, así como se ten analizadas as alegacións presentadas ao proxecto ou se se detectaron incumprimentos lexislativos na documentación achegada pola promotora. Tamén se avaliaron a opción de soterrar a liña, en tramos ou na totalidade.
Entre a batería de preguntas tamén figuraban cuestións como a de se o Goberno galego pode garantir que os usos agropecuarios de terreos afectados polo trazado da LAT nas parroquias de Valenza e Erbecedo non se verán afectados; se estudaron a posibilidade de integrar esta liña noutras infraestruturas existentes; cal é o estado legal deste proxecto, tendo en conta que o parque eólico Bustelo está suspendido cautelarmente e, por último, de non materializarse a autorización de construción do parque eólico Bustelo, se sería precisa esta liña só para o parque eólico Baralláns.
Na súa resposta, a directora xeral de Enerxías Renovables, Paula Uría, limitouse a dicir que “tramitar o proxecto non quere dicir adxudicalo” e recoñeceu que aínda non analizaron as alegación presentadas. Pediulle ao BNG “prudencia e menos visión catastrofista”, ante o que Daniel Pérez replicou que “fun bastante prudente e, ao contrario ca vostede, non entrei en posicionamentos políticos”. Tamén, diante do chamamento á tranquilidade por parte da directora xeral, o deputado nacionalista contestoulle advertíndolle de novo da cantidade de eivas que ten o proxecto.