BNG desmonta cos datos o “relato” sobre o profesorado da Xunta: 1.000 docentes menos e 20.000 alumnas e alumnos máis que en 2009

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
O deputado Manuel Lourenzo acusa ao PP de estar aplicando no ensino público a mesma folla de ruta que na sanidade: “a do desmantelamento”

O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, denunciou no Parlamento galego a manipulación que está a facer a Xunta das cifras de profesorado cando, segundo os datos oficiais da propia Consellería de Educación, os que esta traslada ao Ministerio de Educación e os do IGE, o sistema educativo galego conta na actualidade con 20.000 alumnos e alumnas máis e 1.000 docentes menos.

“Cando a consellería razoa que como hai un descenso de alumnado en relación ao ano pasado ten que haber unha ‘adecuación’ do profesorado, cando se produce un incremento de alumnado seguimos a mesma lóxica e ten que haber un incremento de profesorado ou non? Gustaríame que contestasen a esta pregunta porque temos 20.000 alumnos e alumnas máis que en 2009 e 1.000 profesores e profesoras menos e isto desmonta a súa argumentación”, cuestionou na defensa dunha proposición non de lei para reforzar a dotación de profesorado na comisión parlamentaria de Educación.

Lourenzo criticou con severidade “a tolerancia do PP á mentira, ao bulo e á fraude sistemáticas” na Cámara galega e, nesta liña, exemplifico tamén cos datos facilitados polo titular de Educación na última sesión plenaria sobre a situación do IES Punta Candieira de Cedeira, no que dixo que había 65 docentes, “cando estamos a falar de pouco menos de 40 e sen ter en conta que pecharon a matrícula en Bacharelato, polo que este dato podería ser incluso inferior”. A isto engadiu que, en contra do que mantivo o conselleiro, “non hai ningún ciclo que perigase pola ausencia de alumnado e tamén é falso que haxa un acordo co equipo directivo do centro”: “como vai a haber un acordo se o equipo directivo lle puxo a dimisión enriba da mesa”, recriminou.

O deputado nacionalista criticou como o Executivo do PP acode ao Parlamento “a mentir dunha maneira absolutamente impúdica” e reprochou a manipulación das cifras tamén no relativo ás ratios, que cifrou nun 12,37% pola dispersión poboacional xa que “a realidade é que a metade do alumnado deste País, que está nas zonas densamente poboadas, ten ratios similares ás de Ceuta”.

Lourenzo acusou ao PP de estar aplicando no ensino público a mesma “folla de ruta de desmantelamento” que na sanidade pública e, neste sentido, advertiu que dende 2009 a dotación de fondos ao ensino privado é un 14% maior que a do ensino público. “Cando dicimos que a Xunta é a comercial do ensino privado en Galiza estamos avalándoo con datos”, recalcou, para lembrar a continuación que as cifras son as recollidas dos datos estatísticos da propia consellería, do informe Cifras y Datos de la Educación en Galiza, elaborado cos datos que o departamento autonómico traslada ao ministerio, e do IGE.

Así pois, o portavoz nacionalista de Educación confrontou o modelo educativo do PP co do BNG, baseado no reforzo do profesorado, a redución das ratios e das horas lectivas, a gratuidade universal dos libros de texto e que, segundo subliñou, está baseado nas necesidades de toda a poboación, “independentemente das súas circunstancias económicas; si, no principio de igualdade". “Con esta iniciativa queremos poñer enriba da mesa as evidencias das mentiras da consellería e a necesidade de reforzar con profesorado e recursos o ensino público”, concluíu na defensa desta iniciativa que non prosperou polo veto do PP.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG