O BNG apostará dende a Xunta de Galiza por unha visión e planificación integral do monte. Segundo hoxe asegurou o cabeza de lista Luís Bará en Bueu o obxectivo do novo Plan forestal galego será un aproveitamento multifuncional dos recursos, ao considerar que “o monte é unha das principais potencias para a transformación do país, cunha grande capacidade de dinamización económica e creación de emprego”.
Bará indicou que dous terzos da superficie do país son monte polo que debe abordarse dende diferentes perspectivas. Defendeu que nos aproveitamentos produtivos é fundamental a intervención pública no relativo á planificación, mellora xenética ou xestión silvícola, e garantiu que o BNG vai “actuar con luces longas, pensar o país en 40 anos”. Salientou que hai oportunidades para que o monte dea moito máis de si se se traballan as cadeas de valor dos produtos.
En xeral, admitiu o nacionalista, o monte é unha grande factoría, elemento de dinamización económica e creación de emprego. Salientou que o aproveitamento forestal é o grande debate, mais destacou que é preciso potenciar un cambio de modelo. “Temos o 50 % das cortas do estado pero só o 13% do emprego e a riqueza. O beneficio vai a outros territorios e hai que ir á segunda transformación”, insistiu.
Avogou por creación de centros integrais de xestión do monte para apoiar a xente propietaria de terras nas políticas silvícolas, abrir liñas de financiamento para premiar as boas políticas de xestión e fomentar actuacións de maior escala e instrumentos de xestións conxunta. Defendeu tamén que o BNG potenciará a investigación e ciencia en favor do sector para mellorar xestión e asesoramento.
O cabeza de cartel abordou o tema da enerxía e fixo fincapé na presión especulativa e depredación para instalar grandes factorías de produción de enerxía eólica e tamén fotovoltaica. Neste sentido, defendeu que o debate non debe estar en se o monte debe producir enerxía, senón no modelo e os intereses aos que responde o aproveitamento enerxético, apostando por unha planificación sustentable e respectuosa fronte ao que están a facer grandes grupos patrocinados polo PP para extraer a riqueza do país.
Avogou por producir enerxía con outro modelo baseado no empoderamento das comunidades de montes, para que sexan protagonistas e beneficiarias, rachando cos megapolígonos e indo cara a proximidade e autoabastecemento,. “Hai potencial na solar fotovoltaica, biomasa, e nunha eólica con dimensións a escala do territorio e con consenso coas comunidades. Non descartamos a eólica como fonte de enerxía para o país, pero hai que valorar no Morrazo se se quere ir por esa vía e, no seu caso, apostar pola participación pública e comunidades locais”, subliñou.
Bará destacou que todos estes usos produtivos do monte compleméntase coas funcións sociais, culturais, paisaxísticas, recreativas e de lecer que presta o monte, así como tamén as de tipo ecosistémico e ambiental, que deben ter unha valoración por parte da sociedade e da administración “e que tamén se primarán e coidarán” no Plan forestal galego. “No Bloque imos ter un traballo constante e coordinado para xestión o monte coas comunidades para ordenar, xestionar e compensar todos os usos”, sinalou.
O número un das listas do BNG así o asegurou nun encontro con representantes da Mancomunidade de Montes do Morrazo, integrantes das directivas das comunidades de montes da comarca, Adega Morrazo e da coordinadora ‘Eólicas así non’ do Morrazo.
Ante eles avanzou que o Morrazo, pola súa identidade xeográfica clara, a maneira de traballar das comunidades e da mancomunidade na zona, así como pola súa situación política, podería ser base dunha experiencia piloto para traballar nun plan de desenvolvemento multifuncional do monte de maneira ordenada e sustentable. “Co goberno na Xunta traballando nestas liñas de actuación da man de concellos e mancomunidades esta zona podería ser a punta de lanza do que se podería facer no resto de país, un proxecto espello a trasladar a outras partes de Galiza”, dixo.
Finalmente, o cabeza de cartel puxo sobre a mesa as propostas do BNG sobre comunidades de montes. Destacou que é preciso avanzar cara o recoñecemento xurídico pleno; cambiar a fiscalidade das comunidades para que non teñan o mesmo trato que unha empresa con ánimo de lucro; políticas de incentivos á boa xestión forestal e silvícola; mellorar apoios de financiamento, axudas, e simplificar a burocracia e potenciar procesos plurianuais de proxectos; así como intervencións do futuro Instituto Galego de Crédito como ferramenta pública para insuflar recursos.