A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar para denunciar a situación sanitaria nos centros de saúde e consultorios do rural de Crecente e A Caniza. “Os concellos do rural están sufrindo unha situación sanitaria surrealista, carecendo de estabilidade nas prazas de Medicina de Familia ou Pediatría e cunha clara desatención ás persoas doentes adscritas aos centros de saúde” salientou.
Na actualidade a praza de pediatra no centro de saúde de Crecente está baleira e hai un pediatra desprazado dende A Caniza para atender as nenas e nenos de Crecente. “Tan só dúas horas dous días á semana en cada un deles” sinalou Davila. “Como se fose posible planificar as enfermidades das cativas, producindo así moitos desprazamentos das familias ás urxencias do hospital de referencia, como é o Álvaro Cunqueiro a máis de 50km nalgúns casos”.
Outro dos consultorios da zona pechados é o de Filgueira, no concello de Crecente, “polo tanto o médico que cubría esa praza de Familia reparte o seu tempo agora entre o centro de saúde de Crecente e o consultorio de Valeixe”. Davila explica que só permanece aberto tres días á semana grazas á presión da veciñanza, cunha enfermeira pero sen pediatra.
“Deste xeito, as persoas de Filgueira deciden cambiarse ao centro de saúde da Caniza por proximidade, renunciando a un servizo que lles corresponde no seu Concello, Crecente” apunta a deputada. Igual que outras persoas que dende o CS de Crecente, debido á falta dunha atención de calidade, deciden incrementar os cupos das médicos da Caniza, que cada día que pasa medran a simple vista.
A deputada nacionalista denuncua que esta zona da Comarca da Paradanta “encóntrase nunha situación de caos debido á non cobertura das vacantes de persoal”, ao non substituír as sanitarias que están de baixa, permiso e vacacións e o peche de consultorios nas parroquias, debendo trasladarse a maioría das persoas a un lugar distinto e sen dispor de transporte público de ningún tipo, “facendo moi dificultoso a súa mobilidade para poder recibir atención sanitaria”.
Como xa advertiu o BNG en diferentes iniciativas presentadas ao longo desta lexislatura, o PAC da Caniza ten que soportar numerosas urxencias da veciñanza da localidade, das parroquias e doutros concellos por non ter atención tamén nos seus propios centros ou consultorios. “Prodúcese un colapso importante cando o persoal sanitario debe saír a atender urxencias ou a persoas dependentes no seu domicilio, quedando numerosas doentes á espera do seu regreso”. O mesmo acontece cando a médica/o debe acompañar na ambulancia a un doente ao Hospital Álvaro Cunqueiro, o retraso que se produce nesta situación é manifesto, quedando desatendido o servizo sanitario.