BNG denuncia a situación crítica da sanidade pública neste verán, con peches de camas e doentes amoreados en urxencias

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira acusa o conselleiro de seguir coa política de recortes na sanidade pública mentres “contribúe a engordar o negocio da privada”

A deputada Iria Carreira denunciou este luns o deterioro da sanidade pública, con doentes amoreados en urxencias e peches de camas por toda a rede hospitalaria de Galiza, ao que se lle suman as xa habituais listas de espera “desbordadas”. Acusa ao conselleiro de “seguir coa política de recortes no sistema de saúde público mentres engorda o negocio na sanidade privada”.

“Despois das eleccións galegas de febreiro, hai un novo Executivo, un novo conselleiro que segue a perpetuar as mesmas receitas dos seus antecesores, con recortes orzamentarios pero tamén de persoal, non só na atención primaria, senón que pasa o mesmo na atención hospitalaria e que le afectan a calquera categoría profesional”, recalcou.

Fíxoo diante do Hospital Clínico Universitario de Compostela e acompañada por representantes de traballadores e traballadoras coas que, nunha reunión previa, lle transmitiron as dificultades que están a sufrir a consecuencia desta política de recortes.

Carreira acusa o PP de ser responsable do “deterioro constante e programado” da sanidade pública, con urxencias hospitalarias “postas contra as cordas”, con peches de camas e cunhas listas de espera que “tristemente se converte en habitual o desbordamento das mesmas”.

Fixo referencia aos pacientes que teñen ordes de ingreso solicitadas por un criterio clínico pero que “ese ingreso non se produce por falta de camas operativas” e puxo o exemplo do día de hoxe no Hospital Clinico, no que á hora das declaracións, as 11 da mañá, había vinte persoas agardando por unha cama.

A deputada nacionalista asegura que esta situación non é algo exclusivo do hospital santiagués, tamén ocorre no hospital da Coruña, en Vigo e que se repite por toda a rede hospitalaria pública da Galiza. Advertíu que hai pacientes que agardan en sitios que son “impropios” pero que “tristemente se converteron en algo habitual como corredores ou espazos non habilitados para iso”, en referencia a cuartos con ata tres persoas onde “non se garante a intimidade, que é algo básico” lamentou.

A deputada salientou que o PP “quere xustificar esta situación pola vía de que no verán se reducen patoloxías estacionais como as respiratorias pero que non atende á realidade asistencial”.

O Partido Popular decidiu a comezos deste verán deixar inoperativas case 800 camas nos hospitais galegos, máis dun cento nesta área sanitaria de Compostela. “Mentres temos xente agardando en urxencias, no hospital de Conxo podemos atopar dúas plantas completas pechadas, ademais da UCI dese centro”, subliñou, para afirmar que “non podemos seguir cun Goberno que se permita o luxo de xogar coa saúde de toda a poboación e que non lle doa que haxa unha persoa de 80 anos nunha padiola en urxencia mentres en Conxo hai unha planta de hospitalización totalmente pechada por unha decisión política”.

En canto á falta de persoal, Carreira fixo referencia tamén á situación que se está dando no Hospital de Vigo, cun plan de humanización de cesáreas que tivo que ser paralizado tan só un mes e medio despois de poñerse en marcha pola “falta de matronas durante os meses de verán”.

Segundo as cifras oficiais da Xunta de Galiza, a finais de 2023, eran 45.000 as persoas que estaban pendentes dunha cirurxía, “practicamente 10.000 máis ca en 2019" polo que “aínda estamos lonxe de recuperar os niveis previos á pandemia da Covid”, asegurou.

Para Carreira, estas cifras só dan conta das listas de espera estruturais. “Sabemos que hai moitas máis pacientes que están agardando, que forman parte dunha lista de espera non estrutural pero que o Partido Popular se nega a revelar as súas dimensións e a facelas públicas, nin sequera aos propios pacientes”, subliñou.

Asegura que “desde o BNG imos seguir esixindo un cambio no modelo, que aposte pola sanidade pública, por garantir a saúde de toda a poboación e por coidar e respectar a todas as profesionais cando o que temos a día de hoxe é unha política de contratación de persoal que se sustenta na precariedade”.

“No BNG cremos necesaria a aposta pola sanidade pública e para iso fai falta orzamento, planificación e sobre todo vontade política”, afirmou.

A deputada quixo agradecer aos medios que se achegaron ata o Hospital a pesar das “dificultades obvias” para poder estacionar preto deste centro sanitario, que ten unha “eiva clara” que “grazas ao Concello de Santiago agora ten unha zona de estacionamento próxima para este centro”, recordou.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG