BNG denuncia que o PP leva 15 anos priorizando a conta de resultados das empresas amigas e da familia

Montse Prado con persoal do 061 e cargos institucionais e orgánicos do BNG
Montse Prado

Montse Prado demanda máis medios no servizo de emerxencias sanitarias, infradotado durante o verán sobre todo en zonas con moitos visitantes

Asegura que “cos 470 millóns de sobreprezo no Álvaro Cunqueiro podería pagarse o persoal de 40 ambulancias medicalizadas durante dez anos”.


 

A deputada Montse Prado compareceu estes martes en Vilagarcía ante os medios para esixirlle ao PP que priorice a saúde dos galegos e das galegas e non a conta de resultados das empresas amigas e da familia, e escolleu a capital da comarca do Salnés como “lamentábel exemplo” das deficiencias no transporte sanitario urxente para demandar máis medios, tanto humanos como de ambulancias medicalizadas e helicópteros.  

“Só cos 470 millóns de euros de sobreprezo do Álvaro Cunqueiro poderíase pagar o persoal de 40 ambulancias medicalizadas durante dez anos”. Cualificou a política do PP na sanidade de “escolla ideolóxica” e  esixiulle ao “rectificación” e que se faga un estudo das necesidades reais que existen no servizo de emerxencias sanitarias en Galiza.

Na súa comparecencia, na que estivo acompañada por persoal do 061 e por cargos orgánicos e institucionais do BNG, pediulle á Xunta do PP que destine os cartos a recursos para que a sanidade galega dispoña dunha asistencia digna. “Que unha persoa morra por falta de atención é evitábel e a Xunta ten que dispoñer dos medios para que o sexa e  para que os tempos de resposta non supoñan que a poboación estea correndo serios riscos de quedar desatendida”, advertiu.

A deputada encargada da área Sanidade afirmou que “por moito  que insista o PP,  as galegas e os galegos nin están tranquilos, nin teñen garantida a atención sanitaria” xa que   Galiza só conta con 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas” (SVA),  localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e dúas na cidade da Coruña. Tamén teñen SVA no Salnés, Foz e Monforte, malia que estas tres contan cun só técnico. 

En canto a helicópteros de soporte vital  avanzado, Prado denuncia que só existen 2, un en  Ourense e outro en Santiago de Compostela. A esta falta de dispositivos hai que engadirlle as “lamentábeis” decisións do PP na Xunta como “permitirlle á empresa Eliance, concesionaria do servizo de helicópteros para emerxencias sanitarias, que incumpra o contrato de prestar o servizo de orto a ocaso, tanto na base de Santiago como na de Ourense. Meses nos que na vez de estar operativos 16 horas, lle permiten estar até catro menos”, asegurou, subliñando que “catro horas menos de atención e moito aforro para a empresas”.

Tanto os helicópteros, como as ambulancias de SVA “son  fundamentais diante dunha emerxencia, dada a dispersión xeográfica do noso país e das enormes distancias a percorrer en moitas zonas para chegar a un hospital”, advertiu.

“Xa está ben de sobrecostes obscenos como os 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro, dos millóns de euros para Eulen, ou de perdoarlle a Eliance o custe de ter 4 equipos na vez de 2”, criticou, para demandar o mantemento da ambulancia medicalizada no Salnés todo o ano, reforzar con ambulancias zonas de alta afluencia de visitantes como Sanxenxo ou O Grove ou esixirlle a Eliance ter operativos os dous helicópteros de orto a ocaso os 365 días do ano”.

Traslado da ambulancia medicalizada do Sanlés a Sanxenxo
Por outro lado, Prado tamén criticou a decisión da Xunta do PP de trasladar a ambulancia medicalizada da súa base no hospital do Salnés a Sanxenxo, na vez de reforzar este concello con unha ambulancia distinta. “Non ten ningunha xustificación trasladala para Sanxenxo, durante o verán e moito menos prolongalo até outubro, nin que lle permitan a Eliance non ter operativos os 2 helicópteros de orto a ocaso os 365 días do ano”, recriminou..

A deputada nacionalista recordou que , no que vai de verán “tivemos que lamentar a falta da ambulancia medicalizada no Hospital do Salnés en tres ocasións, que saltara aos medios de comunicación,  só no concello de Vilagarcía, o 7 de xullo, nun atropelo mortal, o 21 unha parada cardíaca e o pasado 6 de agosto unha colisión dun patinete cun vehículo”.

Nas tres ocasións púxose en evidencia “as consecuencias de que a ambulancia medicalizada non estea no hospital do Salnés e polo tanto non estea en disposición de prestar asistencia en 5 minutos na vez dos 25 ou 30 se ven desde Sanxenxo, ou que xa non se active”, denunciou.

“Non sabemos se a ambulancia ou o helicóptero chegaran no tempo establecido o desenlace tivera sido outro, mais o que si sabemos é que non tiveron a oportunidade”, lamentou.

Como xa ten denunciado o BNG, patoloxías como un infarto, ou politraumatismos, son tempo dependentes, cada minuto conta, ao igual que a atención polo persoal especializado e adestrado para esa atención que dispón tanto de medios e medicación na ambulancia SVA ou no helicóptero, que non dispoñen os dispositivos básicos, nin no centro de saúde. 

“Deixar na práctica sen ambulancia unha parte moi importante da comarca, a empezar por un concello de case 40 mil persoas como é Vilagarcía é unha temeridade e ten consecuencias dramáticas”, recalcou.

Prado anunciou que levarán o tema ao Parlamento para que se subsane a situación o antes posible.

Que Galiza conte cunha rede de transporte sanitario urxente de calidade é unha preocupación constante do BNG. “Levamos anos demandando o dimensionamento preciso, tanto en dotación, persoal e recursos para a atención ás urxencias extrahospitalarias porque é un servizo vital na cadea asistencial e o servizo que se está prestando é deficitario”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG