O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar no Parlamento a exclusión de alumnado en centros educativos a consecuencia da aplicación do acordo asinado entre a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP e algunhas centrais sindicais. A deputada Cristina Fernández Davila sinalou a situación de anómala e exixiu admitir a todo o alumnado que solicita praza, tanto neste curso como nos vindeiros, tendo en conta que no centro educativo existe espazo e disposición para enfrontar estas solicitudes.
O pasado mes de abril saíron publicadas as relacións provisionais de alumnado admitido nos distintos centros escolares, nas que moitas familias observan como o seu fillo ou filla non figura nas prazas asignadas. “As familias excluídas amosan unha clara sorpresa ante esta actuación, xa que é inexplicable, que no centro que lles corresponde, a administración non teña pensado ampliar o número de unidades cando agora é necesario” salientou Fernández Davila.
A portavoz de Educación do BNG destacou que a situación é consecuencia do acordo asinado entre a Consellería de Educación cos sindicatos minoritarios do ensino en Galiza. Un acordo, que lonxe de cumprir os mínimos que garantan a mellora educativa e a volta ás condicións laborais do ano 2010, “o que fixeron foi dividir ao colectivo e permitir unha implementación das medidas de xeito progresivo buscando o seu axuste co descenso demográfico”. A medida máis polémica na actualidade é a reducción das ratios nas aulas.
“O que está a acontecer é que os centros educativos ofertaron as prazas dispoñibles segundo o acordo das novas ratios, polo que deixan alumnado fóra, aínda tendo espazo no centro e a Consellaría non lles permite desdobrar para ter grupos máis pequenos naqueles cursos onde se precisa” subliñou a deputada. “Situacións todas elas que se dan en maior medida nos centros educativos do rural”.
“A redución de ratios consecuencia do citado acordo, non pode conlevar a redución de unidades, a redución de escolas ou a redución de profesorado. A diminución de ratios debe servir para mellorar a calidade do ensino, non para empeorar a vida das persoas”.
Fernández Davila reivindicou que “todos os centros educativos galegos, sexan urbanos ou rurais, merecen respecto, merecen medrar e optar a un futuro polo que están duramente traballando ás súas comunidades educativas”. Estar matriculados nun centro ou noutro é fundamental para as familias “xa que pode ocasionar problemas de conciliación, sen contar co interese que mostraban moitas delas en matricular ás súas crianzas en centros do rural”.
O BNG insta á Consellería de Educación a solucionar esta problemática que están a sufrir ás familias e se lles asigne praza para os seus fillos ou fillas que este ano escolarízanse por primeira vez ou ben deben mudar de centro por cambio de etapa educativa.