Parlamento Galego

BNG denuncia a “nova normalidade do PP” que deixa á veciñanza de Ourol sen atención médica no seu centro de saúde

Daniel Castro
Daniel Castro

Daniel Castro leva ao Parlamento as queixas da cidadanía, que varios días ao mes se ve obrigada a trasladarse a Viveiro ou Muras para ser atendida

O deputado do BNG Daniel Castro fíxose eco no Pleno do Parlamento das queixas da veciñanza do Concello de Ourol pola falta de atención médica no seu centro de saúde durante varios días ao mes, nos que se ve obrigada a desprazarse até outros concellos, como Viveiro ou Muras, para consultar cun facultativo ou cunha facultativa.

O deputado da Mariña preguntou por esta cuestión ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que afeou que “a nova normalidade do PP”, ou “o que o PP lle quere facer crer á poboación que é o normal”, sexa ter un centro de saúde sen persoal médico, como sucedeu a maioría dos días no de Ourol o pasado mes de xaneiro.

“Considera normal que en 2025 a xente teña que aceptar ter médico seis días ao mes no seu centro de saúde, como sucedeu en xaneiro?”, inquiriulle, para recriminarlle a continuación que o PP intente “vender agora como unha grandísima medida que soamente estean 4 días sen médico en febreiro e 10 días sen médico en marzo”. Especificou, neste sentido, que hai días nos que só hai médico catro horas en vez de sete e criticou que cada xornada na que si está cuberto o servizo os veciños e as veciñas son atendidos por un “médico ou médica diferente”. 

Castro considerou que a situación no centro de saúde é “inaceptable” porque, advertiu, “literalmente, vai na saúde da xente”, que xa saíu á rúa a protestar “masivamente”  nunha concentración porque “non queren ir á porta do seu centro de saúde a ler que no hai médico”. “Iso lese facilmente con cataratas ou sen elas, porque isto se sinte e se sofre”, engadiu tirando de ironía despois de que o conselleiro cuestionase recentemente a urxencia dunha operación de cataratas para quen non acostuma a ler.

Rexeitou, ademais, que a solución da Consellería á veciñanza de Ourol sexa desprazarse  ao centro de saúde de Viveiro que, advertiu, está colapsado “un día si e outro tamén” e co seu persoal traballando ao límite, ou ao de Muras, onde “moitos días” tampouco hai persoal facultativo.

“Os veciños e as veciñas de Ourol queren algo que é moi comprensible, que é ter un médico no seu centro de saúde e que o queren ter aí todos os días”, remarcou  o deputado nacionalista que, xa na quenda de réplica ao conselleiro, denunciou que na Mariña é posible ir “de centro de saúde a centro de saúde en cada concello e atopar prazas sen cubrir e servizos que non se ofertan”. “Non son casos illados, pasa en Ribadeo, Foz, Cervo, Xove, Viveiro, Mondoñedo, Lourenzá, Ourol... e a vostedes isto parécelles normal”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG