A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado do Bloque no Parlamento galego, Mini Rivas, visitaron onte o municipio de Agolada para coñecer as concentracións parcelarias pendentes. No percorrido que fixeron pola zona criticaron a “nefasta xestión” do goberno galego por non ter executado a totalidade dos fondos FEDER dispoñibles para levar a cabo esta actuación.
“É inaceptable que existan fondos europeos sen gastar, xa que se as parcelarias non se rematan como moi tarde en 2023, eses cartos terían que ser devoltos a Bruxelas”, subliñou Ana Miranda ao longo do percorrido, durante o que mantiveron un encontro con representantes da Asociación Queremos Parcelarias en Agolada, encabezada polo seu presidente, Juan Carlos Sánchez Fuciños, e con veciñanza da localidade.
Para o BNG esta mala execución dos fondos FEDER dispoñibles, “da que temos múltiples exemplos”, demostra a nula aposta do PP polo rural galego. Durante a visita, que incluíu o percorrido polas concentracións de Berredo, Basadroa, a beira do Ulla, A Baíña e O Sexo, o deputado Mini Rivas sinalou que o PP “incumpre a súa propia promesa cando prometeu que ía rematar as concentracións parcelarias pendentes”.
Fixar poboación
“A concentración parcelaria é fundamental para fixar poboación no rural e superar o excesivo fraccionamento de parcelas”, salientou Mini, quen criticou asemade que o goberno galego non fixera ningún esforzo para poñer a disposición terras para os labradores que xa hai e a xente nova que quere traballalas. “Precisamente aquí hai xente emprendedora que si querería traballalas”, apuntou ao respecto.
No mesmo sentido, Mini sinalou que Agolada é unha zona que conta con “bastantes granxas de porcino que necesitarían terras de labor para poder absorber o exceso de nutrientes que xeran estas granxas”.