O Bloque Nacionalista Galego lamenta que se teña que acudir á xustiza e que sexa unha sentenza xudicial a que obrigue á CRTVG a rectificar unha información falsa emitida no Telexornal Mediodía contra a formación nacionalista. A deputada Olalla Rodil denunciou na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación da RTVG a manipulación e o uso partidista dos medios públicos galegos, exixindo o cumprimento inmediato da resolución xudicial.
Rodil cualificou de "insólita" a sentenza, que obriga á CRTVG a ler no mesmo espazo a rectificación da noticia manipulada. "Alédanos o fallo, non porque condene á CRTVG a pagar as costas do xuízo, senón porque reafirma o dereito da cidadanía á verdade e á imparcialidade informativa", declarou.
A deputada nacionalista advertiu da "deriva insoportable" da CRTVG, convertida, segundo afirmou, nun "aparato de propaganda do Partido Popular". Denunciou que os medios públicos silenciaron durante máis de un ano á portavoz nacional do BNG e que a presenza de voces críticas é practicamente inexistente nos espazos informativos. "Cada día é máis difícil diferenciar a axenda da CRTVG da do PP", afirmou.
Olalla Rodil tamén alertou da utilización das emisións para "demonizar os concellos onde non goberna o PP" e insistiu en que a manipulación e censura "arrastra pola lama o prestixio da CRTVG e afasta á cidadanía dos seus medios públicos". Por iso, exixiu ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que "poña fin a esta situación" e garanta un servizo público plural e veraz.
O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dunha CRTVG independente e obxectiva e non descarta novas accións para frear o que considera unha "vulneración sistemática do dereito á información da sociedade galega".