Parlamento Galego

BNG denuncia a inacción da Xunta do PP ante a inminente reforma da Administración de Xustiza

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés: “A Xunta non está facendo nada para garantir o cumprimento da nova lei e a cidadanía máis vulnerable será a principal prexudicada” 

O BNG demanda a creación dun servizo público de conciliación gratuíta para garantir o acceso á xustiza e advirte que Galiza non está preparada para afrontar esta reforma da Administración xudicial

O Bloque Nacionalista Galego acusa á Xunta do PP de inacción ante a inminente entrada en vigor da Lei Orgánica 1/2025, que establece a obrigatoriedade de acudir a mecanismos alternativos de solución de conflitos antes de interpoñer unha demanda na xurisdición civil. O deputado nacionalista Iago Tabarés advertiu de que “a Xunta non está facendo nada para adaptar os órganos xudiciais nin para garantir os dereitos da cidadanía ante esta nova obriga legal”.

O BNG presentou unha proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a crear un servizo público e gratuíto de conciliación que garanta a todas as persoas, independentemente dos seus recursos económicos, o acceso a este trámite previo á vía xudicial. “Se non se garante asesoramento neste proceso, a cidadanía quedará en situación de indefensión, e serán as persoas máis vulnerables as que verán prexudicada a súa capacidade de acción ante a xustiza”, alertou Tabarés. 

O deputado nacionalista tamén denunciou que, a apenas dúas semanas da entrada en vigor dunha parte fundamental da nova normativa, “non existe sequera unha relación de postos de traballo definida para afrontar os cambios, nin está claro cal será o sistema de solución amistosa que se aplicará”. Segundo Tabarés, isto xerará “un colapso nos xulgados e un incremento da xudicialización dos conflitos, precisamente o contrario do que busca a lei”. 

O BNG demanda tamén que a Xunta garanta que os gastos derivados destes trámites estean incluídos no beneficio de xustiza gratuíta, así como a posta en marcha dun sistema público de conciliación sen taxas, semellante ao existente no ámbito laboral. “Esta obriga legal existe grazas a unha emenda do BNG no Congreso. Agora, a Xunta ten que cumprir a lei e garantir os dereitos da cidadanía, en lugar de trasladarlle os custos e as consecuencias da súa incompetencia”, concluíu Tabarés.

A proposición non de lei presentada polo BNG para a creación dun servizo público e gratuíto para a xestión das conciliacións ou outros mecanismos de solución de conflitos previos á vía xurisdicional civil, non saíu a diante cos votos en contra do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG