O portavoz de Medio Rural do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, instou ao goberno da Xunta na Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, atender as propostas e recomendacións do informe do Consello da Cultura Galega sobre Altri no proceso de tramitación das autorizacións ambientais e de concesións de augas.
“O sector primario é fundamental para o mantemento económico e social das parroquias deste territorio situado no corazón de Galiza” apuntou Fernández ante o impacto negativo dun dos principais motores económicos da zona da pretendida implantación da macrocelulosa de Altri é o sector agrogandeiro.
O deputado nacionalista salientou que entre os aspectos analizados dentro do informe do Consello da Cultura Galega, están as afeccións desta macrocelulosa as producións agrícolas, forestais, gandeiras e os cambios nos usos da terra. “O cambio de usos da terra debido a elevada demanda de eucalipto traerá consigo un incremento da eucaliptización e a perda de terras dispoñíbeis para as producións agrogandeiras” apuntou.
Neste territorio do corazón de Galiza, Secundino Fernández lembrou que nas comarcas directamente afectadas “temos unhas 3000 explotacións con mais de 70.000 vacas e para elo” só se dispoñen de 61.000 hectáreas de leiras e prados, o que implica ter un déficit a dia de hoxe, “imaxínense se sigue o proceso eucaliptizador”. O sector agrogandeiro ocupa directamente a 4.000 persoas nestas comarcas, “mulleres e homes que queren seguir vivindo no rural e do rural, familias que queren vivir nun entorno natural”. Fernández recriminou que o goberno do PP omita os milleiros de postos indirectos xerados ao carón do gando, como empresas de servizos, comercio, industrialización dos produtos, agroturismo, industria vinculada ao sector ou a construción, que se perderían só nestas comarcas coa instalación de Altri.
Por outra parte, nesta comarca está situada a denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa, a segunda denominación de queixo do Estado español. Unha denominación que permite valorizar unha parte importante do leite que producen os centos de explotacións lácteas destas comarcas e que Fernández sinalou como unha denominación que "comercializa uns 4 millóns de quilos de queixo resultante da utilización de 32,5 millóns de litros de leite", xerando un volume económico anual de 32 millóns de euros. "Son un verdadeiro exemplo de economía circular”.
O BNG advirte que do importante risco que trae consigo a instalación da macrofactoría de produción de celulosa para o sector agrogandeiro. O forte incremento da demanda de eucalipto que traerá consigo unha demanda de terras para plantación desta especie invasora, o que implicará menor dispoñibilidade de terras para uso agrario nesta zona de forte implantación gandeira. “Teñen que pensar nas miles e miles de mulleres e homes que viven nas parroquias destas comarcas e que loitan por manter un medio rural vivo” concluíu.