BNG denuncia o fracaso das políticas demográficas do PP e insta a Rueda a “tomarse en serio” un dos grandes retos de País

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Non podemos fixar poboación se a xente non atopa empregos dignos, unha casa onde vivir e se non ten servizos públicos para conciliar”

Critica o “postureo natalista” e a política de titulares do Goberno de Rueda, que “non se toma en serio as condicións de vida dos galegos e as galegas”

Os últimos datos demográficos do INE, que deixan a Galiza co segundo peor saldo vexetativo dende que hai rexistros, certifican o “fracaso natalista” dos quince anos do Partido Popular na Xunta, con políticas que son “simple postureo” e que demostran que o Goberno de Alfonso Rueda carece de proxecto político e “non toma en serio as condicións de vida dos galegos e as galegas”.

Así o asegurou en rolda de prensa a deputada do BNG Noa Presas, que cualificou de “ciencia ficción” a revitalización demográfica que o PP di impulsar dende a Xunta con “políticas que basicamente son titulares e anuncios estrela, políticas que no lugar de ser estratéxicas e transversais responsabilizan ás mulleres cun enfoque profundamente reaccionario e políticas que nos últimos anos expulsaron a máis de 218.000 mozos e mozas menores de 34 anos “que podían ter feito aquí o seu proxecto de vida”.

“Malia ser un País rico en talento, rico en recursos naturais e cunha posición estratéxica para moitos sectores económicos, imos a menos”, lamentou Presas, subliñando que namentres no conxunto do Estado os nacementos medran por primeira vez na última década, “Galiza vai a peor, en dirección contraria”.

Se hoxe Galiza ten o segundo peor dato da súa historia en saldo vexetativo, sostivo, é porque hai tres aspectos que o Goberno de Rueda non atende e que condicionan a vida das persoas e os seus plans de futuro: “non podemos fixar poboación se a xente non atopa empregos dignos, unha casa onde vivir e se non ten servizos públicos para conciliar”, resumiu.

Referiuse, ademais, o fracaso da Lei de Impulso Demográfico porque, tal e como advertiu no seu día o BNG, responde a unha “óptica desfasada”, sen ampliar dereitos, sen mellorar os servizos de atención á infancia e á xente maior e con “medidas ridículas”,  como reservar aparcadoiros para familias nos centros comerciais ou poñer unha etiqueta de calidade a comercios e empresas con cambiador para bebés.

Unha lei que, proseguiu, non responde ao “problema de fondo”, que é “mellorar as condicións de vida da xente para que quede en Galiza ou poida vir a Galiza a facer os seus proxectos de vida”. Afondando nesta cuestión, subliñou algúns datos relevantes que demostran o fracaso do PP, como a destrución de máis de 37.000 empregos industriais, os milleiros de galegos para os que ter unha vivenda é misión imposible mentres o Executivo de Rueda decide subir un 40 % o prezo dos pisos protexidos ou  os arredor de 11.000 nenos e nenas que non teñen pediatra asignado en Galiza.

“Hoxe na comarca de Valdeorras non hai unha soa pediatra en Atención Primaria, nin unha soa, un dato que demostra como a falta de servizos agrava non só a crise demográfica, senón tamén o equilibrio territorial e que haxa galega/os de primeira e de segunda”, remarcou Noa Presas, que destacou tamén a escasa oferta de escolas infantís —que deixa fora a 3 de cada 10 nenos ou nenas— ou o colapso na atención á dependencia. Son, advertiu, prestacións clave para a conciliación e as vidas das mulleres “que en moitas ocasións abandonan o seu posto de traballo , renuncian a ter crianzas ou fan a súa xornada parcial para poder cubrir o que non cobren os servizos públicos”.

A alternativa transversal do BNG

Noa Presas contrapuxo as propostas do Goberno Alternativo do BNG ao “goberno dos anuncios” do PP e, neste sentido, anunciou que a formación nacionalista presentará iniciativas ambiciosas que, dende un enfoque transversal, servirán para frear o declive demográfico a través do emprego de calidade, o dereito á vivenda e o reforzo dos servizos sociais.

Entre outras medidas, o BNG vai rexistrar unha lei de localización empresarial que comprometerá ás empresas que reciban axudas públicas co traballo de calidade ou obrigará a devolver cun recargo do 25 % dos xuros esas axudas no caso de trasladar os seus centros de produción fóra do País.

En materia de vivenda, Presas destacou que a alternativa do Bloque pasa por aumentar o parque público e estender a perpetuidade da cualificación de toda a vivenda protexida, intervir no mercado libre para limitar o prezo do aluguer e establecer unha rede de protección social que garanta que ninguén se quede na rúa sen un teito baixo o que vivir.

Mais prazas nas escolas infantís, desbloquear a situación á dependencia duplicando os servizos de valoración e aumentando de 12 a 20 euros o financiamento do SAF, e un “Sergas dos servizos sociais” son outras das medidas que o BNG propón.

“En resumidas contas, fronte á ciencia ficción do natalismo do PP, que dispara anuncio tras anuncio, o que precisamos son políticas transversais, estratéxicas e serias que se tomen o futuro deste País co rigor que precisa”, concluíu a portavoz parlamentaria de Economía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG