A deputada Montse Valcárcel denunciou no Parlamento a escaseza de medios humanos na campaña de prevención e extinción de incendios deste ano, e trasladou ao Parlamento a preocupación do persoal técnico forestal por non poder realizar o seu traballo de xeito eficiente.
Valcárcel trouxo á Comisión 7ª as preocupacións recollidas nun escrito asinado por 45 -dun total de 65- técnicos e técnicas forestais da Consellería do Medio Rural nas que aprezan “disfuncionalidades na parte operativa do seu traballo”, o que fai “moi difícil exercer as tarefas encomendadas polo Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galiza” (Pladiga) 2024 dun xeito eficiente.
As disfuncionalidades ás que se refiren no documento teñen que ver con dous puntos do plan, o primeiro, referido aos labores do xefe de brigada, que ‘se fará cargo de todos os medios humanos e materiais postos á súa disposición’. A este respecto, Valcárcel trasladou as preguntas do colectivo sobre como arranxará a situación “cando unha brigada quede sen xefe por vacacións ou embarazo”, para reprochar que non serve a agrupación de brigadas e agardar a que veña o xefe dalgunha delas nunha emerxencia por lume, tendo en conta “o tempo que se tarda en chegar entre os distintos puntos da nosa xeografía”, subliñou.
Outro dos puntos conflitivos ten que ver co cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais. A deputada nacionalista preguntou “como pode un xefe ou xefa de brigada comprobar se a xente que está ao seu cargo ten feito tan sequera o curso de prevención de riscos laborais”.
É por iso que o BNG lle preguntou ao PP se a Xunta de Galiza “ten previsto elaborar protocolos claros, directrices e instrucións ante o desdobramento de brigadas, nas diferentes situacións que poidan xurdir para a organización do dispositivo” como ocorre no caso da ausencia de bombeiros forestais ou xefes de cuadrilla. A Través da súa deputada, tamén preguntou sobre “o motivo polo que a Xunta retrasa a convocatoria da mesa de seguimento do acordo dos e das enxeñeiras forestais do Servizo de prevención de incendios”.
Por outra banda, a responsable de Montes e Industria Forestal no BNG critica que o plan carece practicamente de prevención. “O que Rueda sinalou como puntos fortes, como a mecanización, a existencia de máis puntos de auga ou a ampliación da videovixiancia, así como a mobilización de sete mil homes e mulleres de distintas administración, é un dato repetido doutros anos e non é “real”, criticou.
No que atinxe ao persoal cualificado, Valcárcel reclamou a necesidade de dispoñer de expertos en incendios forestais e lembrou que” o Goberno do PP leva ameazando con pechar os campus onde se forman os e as profesionais que se dedican ao coidado do medio rural”, como é o caso do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
“En lugar de ameazar, o que teñen que facer é potenciar máis estas titulacións nas que hai unha demanda case do 100%, e que habería aínda máis se se cubrisen as prazas necesarias” na Consellería do Medio Rural. Neste sentido, a deputada aproveitou para suxerirlle ao Goberno “a implantación dun ciclo específico na FP”.
Valcárcel recalcou que “a prevención de incendios debe ser a prioridade na planificación da paisaxe. Traballar todo o ano na limpeza, na ordenación dos montes e no aproveitamento integral para acadar un rural vivo, para axudar a paliar o abandono do territorio”.