O deputado do BNG, Paulo Ríos volveu a denunciar no Parlamento galego as “deficiencias continúas do servizo de transporte público por estrada” e salienta as mobilizacións sociais en diversas comarcas para trasladarlle á Xunta que reclaman “unha solución” ante unha situación que definen como “caótica”.
No transcurso do debate da proposición non de lei do BNG, o nacionalista lembrou que nas últimas sesións plenarias o BNG xa puxo de manifesto as irregularidades na contratación do servizo de transporte público da Xunta de Galiza e as condicións que se atopan os servizos que se están a dar por parte das empresas concesionarias, “sen que a Xunta de Galiza poña enriba da mesa solucións estruturais a problemas que non son conxunturais”.
Na súa intervención, o deputado tamén se referiu as mobilización sociais do pasado domingo nas comarcas de Ferrolterra, As Mariñas, a Barbanza ou o Val Miñor para “ deixarlle claro á Xunta de Galiza que queren unha solución aos problemas que viven diariamente co transporte público”.
Estamos a falar, dixo, de horarios que non se compren, de retrasos continuados dos vehículos, de malas condicións dos mesmos e da falta de prazas froito dunha mala planificación no Plan de Transporte Público de Galiza.
A xuízo do deputado, o Plan do Transporte público “fai tantas augas que xa non se poden resolver con parches” e por moito que o PP persista en maquillar os datos, o Plan de Transporte público “non funciona ben”.
Galiza precisa un novo Plan de Transporte público eficiente e eficaz
O parlamentario do BNG propuxo abrir “un proceso de escoita cos axentes implicados” para elaborar un estudo rigoroso das necesidades dos usuarios e usuarias co fin e acometer “un novo Plan de Transporte “ que atenda as demandas de mobilidade dos galegos e galegas. Urxe un Plan de Transporte que inclúa a “intemodalidade” funcional.
O Transporte público, recalcou Paulo Ríos debe funcionar como “motor da nosa sociedade e como vertebrador do noso país”, cunha mobilidade asentada na intermodalidade funcional para conectar as aldeas coas vilas e as vilas coas cidades, coordinando diferentes modalidades de transporte, dende un novo sistema de taxis rurais, liñas e itinerarios acordes coas necesidades da poboación e sumando o tren e os transportes de ría.
Aspiramos a ter “unha Galiza conectada e interconectada”, para que moverse polo noso país non se converta nunha “odisea”, e cunha tarifa plana tal e como funciona na maior parte dos países europeos. O BNG, anunciou porá en marcha a Tarxeta 30. Toda Galiza, onde todo este novo servizo de transporte público se realice dunha forma máis integral e interconectada.
O deputado do BNG lamentou, que unha vez máis, o portavoz popular, José Manuel Balseiro negara as deficiencias denunciadas polo nacionalista e anunciara o voto en contra do Partido popular á proposición non de lei para mellorar “un transporte público moi deficiente” e trufado de sentenzas xudiciais polas irregularidades no reparto do servizo avalado pola consellería dirixida por Ethel Vázquez