BNG denuncia a convivencia de Feixóo e o PP co presidente de Iberdrola, imputado por corrupción

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “Nin o sector pesqueiro nin o BNG están dispostos a consentir o novo atropelo ao noso País, coa colaboración cómplice de Feixóo e do Partido Popular, que supoñen os parques eólicos de Iberdrola na nosa costa”.

A formación nacionalista apoia a prórroga da Comisión Kitchen por ser unha “trama complexa” en que o PP “levantou unha elaborada arquitectura institucional corrupta”.

 

Madrid, 24 de xuño de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou na tribuna do hemiciclo a colaboración activa entre o Partido Popular de Galiza, liderado por Alberto Núñez Feixóo, e o presidente de Iberdrola, José Ignacio Sánchez Galán, imputado no ‘caso Villarejo’. Así mesmo, o deputado nacionalista denunciou a ameaza dos macroparques eólicos que se pretenden instalar na Galiza e mostrou a oposición do BNG aos proxectos de eólica mariña de Iberdrola, que prexudican o sector pesqueiro do País.

Durante o debate no congreso da prórroga da Comisión Kitchen, que implica directamente altos cargos do Partido Popular, Néstor Rego afirmou quen é aínda moito o que falta por investigar e coñecer dadas as conexións e derivadas deste caso. “Onte mesmo coñeciamos a imputación no caso Villarejo do Presidente de Iberdrola, José Ignacio Sánchez Galán. Estamos a falar dun deses ‘señores da enerxía’ que fan un negocio multimillonario cun recurso esencial por medio da exacción das limitadas economías das maiorías sociais” explicou Rego.

O deputado nacionalista subliñou que Galán é presidente dunha empresa eléctrica que declarou un beneficio de 3.611 millóns de euros en 2020 “mentres que a cidadanía pagará este mes a luz un 50% máis cara que o mes anterior”. Rego argumentou que isto é posíbel polas conexións de Galán co poder político e engadiu que “polo visto non sempre con prácticas empresariais correctas e legais”.

Néstor Rego mostrou na súa intervención unha fotografía de 2009 onde aparece Sánchez Galán abrazado ao que se convertía nese momento en Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo. “Hoxe sabemos que esa aperta valía millóns. Ao PP faltoulle tempo para anular ilegalmente o plan eólico impulsado polo BNG no goberno galego” retratou o deputado nacionalista. ILEGALMENTE, si -enfatizou Rego-, non o dicimos nós, díxoo a xustiza, acreditouno unha sentenza xudicial”

Rego puxo en relación esta decisión de Feixoo cos intereses de Iberdrola e das grandes eléctricas. “O Plan do BNG puña o recurso eólico ao servizo do desenvolvemento do noso País. As adxudicatarias eran 33 pequenas e medias empresas galegas vinculadas ao sector primario -mar-industria e agro-industria- ás que se exixía a creación neta de emprego tamén neses ámbitos” aclarou Rego durante a intervención. No entanto, a partir da anulación, as adxudicacións “voltaron á “normalidade” deste réxime, voltaron ás “tres grandes”. Sabemos o que gañou Iberdrola, mais non coñecemos a contrapartida para Feixóo e o PP, porque para a Galiza non a houbo” criticou o nacionalista.

Actual ofensiva de espolio eólico na Galiza, da que se beneficia Iberdrola

Néstor Rego alertou de que Iberdrola é unha das principais beneficiarias da actual ofensiva depredadora e de espolio eólico que ameaza o noso País. E fixo referencia especialmente aos parques que esta empresa quere implantar na nosa costa. “Iberdrola ten en marcha unha verdadeira ofensiva de depredación dos nosos recursos e espolio no noso País, entre outros, dous macroparques de eólica mariña a 15 quilómetros de distancia da costa galega, que afectan zonas de alta produtividade pesqueira”.

O deputado denunciou, máis unha vez, a conivencia de Feixo e do Partido Popular cos intereses desta empresa. “O PP no Parlamento da Galiza abriu a porta de par en par a estes proxectos. Polo contrario, o sector pesqueiro, as federacións de confrarías, saíron a rexeitalos porque suporía hipotecar o modo de vida de milleiros de persoas para garantir aínda maiores lucros a unha empresa privada e a un corrupto como o presidente de Iberdrola” recrimina Néstor Rego.

O deputado nacionalista finalizou afirmando que “nin o sector pesqueiro nin o BNG están dispostos a consentir este novo atropelo ao noso País con coa colaboración cómplice de Feixóo e do Partido Popular, que supoñen os parques eólicos de Iberdrola na nosa costa”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG