Presas: "Hai que reforzar o operativo de prevención e extinción dos lumes con máis medios e persoal"

Noa Presas, deputada por Ourense
Noa Presas, deputada por Ourense

Denuncia que o sistema contra o lume non estaba operativo ao 100% despois de que Galiza soportase un Goberno ausente catro meses, cun PP centrado nas súas liortas

Presas critica a tardanza da declaración de zona catastrófica: “Sánchez e Rueda estiveron no Barco fai quince días e aínda non se concretou nada”

Cos incendios estendéndose por todo o País e nunha situación de máximo risco, o BNG considera imprescindible incrementar os efectivos e recursos dispoñibles tanto para a prevención como para a extinción do lume,  reforzando a contratación de persoal e de medios.  Un reforzo que debe abarcar tamén á vixilancia sobre os montes.

“E isto non é un gasto, é un investimento porque non hai maior aforro en termos económicos, sociais e ambientais que evitar o lume ou conseguir extinguilo coa maior rapidez”, salientou a deputada por Ourense, Noa Presas, unha das provincias máis impactada polos incendios, quen trasladou todo o recoñecemento do BNG aos equipos de extinción que fan un labor imprescindible en condicións extremas, moitas veces en precario e poñendo en risco a súa seguridade.

Nese sentido,  o Bloque denuncia  que o Goberno do PP “non tiña os deberes feitos en materia de prevención e de extinción e o sistema non estaba cen por cen operativo, entre outras cousas porque os convenios cos concellos non foron aprobados a tempo”, denunciou Presas, en referencia aos convenios para rozas, para motobomba e para a constitución de brigadas. “Non foron aprobados ata finais de xuño, o que implica que non podían estar operativos ata practicamente ben entrado o mes de agosto”, explicou.

Unha situación que o BNG relaciona co feito de que Galiza tivese un goberno do PP ausente e inoperativo durante catro meses, máis pendente de solucionar as liortas internas do Partido Popular primeiro e de resolver a sucesión a Feijóo despois que de exercer as súas responsabilidades.

“Que o sistema de prevención e extinción de lumes non estivera operativo non é alleo a que durante catro meses este país estivo cun goberno do Partido Popular completamente ausente, máis preocupado por solucionar os problemas internos do PP que por facer o traballo que lle correspondía en base ás súas responsabilidades”, denunciou Presas,  “é evidente que catro meses de goberno ausente ten consecuencias”.

O Bloque reclama que se aplique dunha vez a declaración de zona catastrófica para que Galiza teña acceso ás axudas extraordinarias vinculadas a esta declaración. “Pedimos tanto ao Goberno central como á Xunta que deixen o intercambio de declaracións e que se poñan a traballar, porque o señor Rueda e o señor Sánchez estiveron no Barco de Valdeorras hai xa dúas semanas, o 19 de xullo, e os días pasan sen que haxa ningún tipo de concreción”, denuncia.

A formación que lidera Ana Pontón tamén pide ao Goberno de Rueda que rectifique e non poña límite ás axudas para a recuperación das vivendas queimadas, “as axudas teñen que ter a cantidade necesaria para permitir a reconstrución total da vivenda e devolver o seu fogar ás persoas que o perderon”.

Presas volveu trasladar toda a solidariedade do BNG coas persoas directamente afectadas polas lapas, en concellos como Verín, Arbo, Caldas, Vilagarcía ou Boiro, como nos días pasados Valdeorras e O Courel, e a todas as que, en tantos concellos do país, están vivindo en primeira persoa o drama dos incendios con todo o que iso implica.

Incapacidade para defender Galiza

O Bloque destaca que o mes de agosto xa está sendo moi complicado e moi duro e non fixo máis que comezar, cun contexto no que todo dificulta a loita contra os lumes.

Empezando por un territorio abandonado, desordenado e improdutivo, tras trece anos de políticas fracasadas do PP no medio rural, ao que se engade as elevadas temperaturas, unha seca prolongada que está derivando en problemas de abastecemento de auga para o consumo humano e agrícola e ten os embalses baixo mínimos. E todo nunha situación de cambio climático que se traduce en incendios de nova xeración, máis explosivos e difíciles de controlar e apagar.

O goberno do PP e do señor Rueda están amosando unha incapacidade absoluta para defender os intereses dos galegos e galegas, tanto na parte que lle corresponde como ante o goberno do Estado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG