Parlamento Galego

BNG demanda á Xunta un plan efectivo para a aprendizaxe da lingua galega do alumnado estranxeiro

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas exixiu unha dotación suficiente de recursos humanos e materiais para garantir unha educación verdadeiramente inclusiva e equitativa

A portavoz de lingua do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, demandou esta mañá na Comisión 4.ª, Educación e Cultura, activar un plan de adquisición das competencias en lingua galega destinado ao alumnado estranxeiro con medidas concretas para garantir a integración lingüística e educativa deste colectivo. “É necesario potenciar o cadro de persoal docente que dea apoio ao alumnado” sinalou.

Ante a falta de transparencia por parte da Xunta do PP respecto ao desenvolvemento do Plan de MEGA, anunciado co obxectivo de fomentar a equidade e a inclusión no sistema educativo galego, o BNG denunciou que non se detallaron estratexias nin recursos específicos para asegurar a aprendizaxe da lingua galega por parte do alumnado estranxeiro, malia que a diversidade nas aulas galegas segue en aumento.

Os datos do Instituto Nacional de Estatística reflicten que a poboación migrante en Galiza alcanzou en 2024 as 158.644 persoas, o que supón un 5% da poboación galega. A chegada de alumnado estranxeiro representa un reto e unha oportunidade para o sistema educativo, mais a súa integración está a verse obstaculizada pola falta de recursos docentes e medidas adaptadas ás súas necesidades específicas. “Fan falla máis de 1000 docentes a maiores para apoiar a este alumnado” sinalou.

A deputada Mercedes Queixas exemplificou este problema co caso do IES Agra do Orzán da cidade da Coruña, “un dos centros con maior diversidade cultural de Galiza”, onde un número significativo de alumnos migrantes non ten competencias en galego. No curso pasado, o centro contou cun Grupo de Adquisición de Linguas para facilitar a aprendizaxe lingüística, “mais este ano a Xunta denegou a súa continuidade, malia o incremento de estudantes con necesidades educativas especiais” subliñou Queixas.

O BNG denunciou a pasividade do goberno do PP e a súa falta de compromiso co dereito á educación en igualdade e equidade. A deputada nacionalista salientou que é necesario a creación dun plan específico para a adquisición da lingua galega polo alumnado estranxeiro, con dotación sufciente de recursos humnaos e materiais, como a recuperación e ampliación dos Grupos de Adquisición de Linguas, garantindo a súa presenza nos centros con maior diversidade. Ademais dunha planificación efectiva do acollemento lingüístico en ambas as dúas linguas oficiais de Galiza e o cumprimento da normativa vixente sobre atención á diversidade, evitando a creación de guetos e situacións de desigualdade no ensino.

O BNG alerta de que a ausencia de medidas concretas está a xerar exclusión e discriminación dentro das aulas galegas, vulnerando o dereito fundamental do alumnado á educación. Por este motivo, a deputada nacionalista instou á Xunta do PP a cumprir coa súa responsabilidade e a garantir unha educación verdadeiramente inclusiva e equitativa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG