A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Olalla Rodil trasladou ao goberno galego a precariedade laboral e salarial das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “moitas delas recibindo un salario próximo aos 800 euros”.
Rodil explicou que as traballadoras, 8.000 en Galiza que atenden a 24.000 persoas usuarias do servizo, permanecen en folga polas condicións laborais fixadas nun convenio colectivo caducado desde 2011 e sendo vítimas durante todo este tempo do ninguneo e do abuso por parte das empresas que impediron a negociación dun novo convenio.
“As traballadoras do SAF están en folga para defender os seus dereitos laborais pero tamén os das persoas usuarias que son quen sofre, colateralmente, as consecuencias dun servizo sostido na precariedade laboral”. Soportan desde hai anos xornadas a tempo parcial; tendo que utilizar o seu propio vehículo para acudir dun domicilio a outro e facer un traballo sen un salario que cubra ese custe e traballando en domicilios que non contan en practicamente ningún caso coa máis mínima adaptación para atender ás persoas dependentes, explicou a nacionalista.
Quizais vostede, dixo Rodil á conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús lorenzana, teña hoxe a tentación “de escorrer o vulto” e afirmar que o conflito non vai coa Xunta pero resulta que en realidade si que é o é xa que o SAF “é un servizo público para garantir a atención das persoas maiores dependentes no seu domicilio”.
O SAF, recalcou a deputada, “ é un servizo financiado con cartos de todos, sexa cal sexa o modelo de xestión. Nada menos que 110 millóns de euros saídos directamente da Xunta de Galiza en 2022.” e o goberno galego tamén é responsable das lamentables condicións laborais e salariais destas traballadoras.
Unha partida de 100 millóns de euros ao ano, remarcou Rodil, fan a Xunta directamente responsable das condicións nas que traballan estas mulleres, porque “a nómina pagarana as empresas pero os fondos saen do peto de todas as galegas e galegos” e a introdución dunha “dobre escala salarial suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe abocando ás traballadoras á precariedade e a pobreza.
Nesta liña, explicou que na xuntanza celebrada no Consello Galego de Relacións Laborais a patronal propuxo crear unha dobre escala salarial, con dúas táboas diferenciadas que provocará que traballadoras dun concello, no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as do concello do lado, onde o liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”.
Tampouco se contempla incrementar os actuais 0,19 a 0,22 céntimos por quilómetro dos gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. “Unha compensación miserenta para traballadoras con baixos salarios que terán que poñer dos seus petos o traslado dun a outro domicilio nos seus coches particulares”.
A deputada do BNG lamentou que a conselleira de Fomento de Emprego e Igualdade non anunciara ningún compromiso por parte da Xunta para mediar na solución dos graves problemas salariais e laborais que afectan ao colectivo de traballadoras do SAF.