O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado incremente as axudas destinadas aos produtores de carne para, cando menos, equiparalas ás xa concedidas a outros sectores agrarios como o dos produtores de leite. Alén do máis, reclama asegurar o cumprimento efectivo da Lei da cadea alimentaria e evitar a venda por baixo dos custos de produción permitindo estabelecer custos de referencia.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación someteu a información pública o borrador de Real Decreto que regulará a concesión de axudas excepcionais para determinados sectores agrícolas e gandeiros, debido á grave situación polo incremento de prezos. Este RD estabelecerá axudas destinadas aos produtores de vacún de carne, ovino e caprino de carne, carne avícola, coellos e produtores cítricos.
Mais as contías reflectidas neste borrador, a organización nacionalista entende que son “claramente insuficientes e discriminatorias” en comparación coas xa fixadas para outros sectores como é o caso do sector lácteo. “No caso dos produtores de carne, os topes de axudas para facer frente ao incremento de custos de produción quedan fixados en: 60 € por vaca, 15 por tenreiro até un máximo de 125 vacas e 520 becerros; cabras e ovellas, 7 euros por un máximo de 800 animais e para as explotacións de pitos e coellos proponse unha cantidade variábel de entre 600 a 5.160 euros en función da capacidade da granxa” lembra o deputado do BNG.
Estas contías chaman a atención se se comparan coas axudas estabelecidas polo mesmo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para os produtores de leite, en compensación polo incremento de custos provocados polo aumento do prezo da electricidade, os pensos de alimentación animal e os combustíbeis, polo Real Decreto-lei 6/2022, do 29 de marzo, no que se fixa que a axuda será de 210 euros por vaca ata un máximo de 40 animais por beneficiario, 140 euros por vaca para os animais por beneficiario comprendidos nun número adicional entre 41 e 180 e 100 euros por vaca para os animais por beneficiario comprendidos nun número adicional superior a 180.
“Apréciase unha diferenza de trato entre un e outro sector que non pode xustificarse, por tanto é necesario que o Goberno do Estado, e máis concretamente o Ministerio de Agricultura, rectifique o contido do borrador feito público e incremente as axudas previstas para, cando menos, equiparalas ás concedidas ao sector lácteo” reivindica Rego. O deputado do BNG explica que, desde o sector e os distintos sindicatos, agrarios consideran que esta discriminación “é incomprensíbel e destacan que neste momento as explotacións de produción de carne son as que máis perdas acumulan despois das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia que supuxo o peche da hostalería durante meses, aos que se suma agora o incremento de custos”.
Con todo, apunta Rego, o verdadeiramente importante para todo o sector agrario, e que suporía unha grande diferencia, é garantir “o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, asegurando que os produtores non vendan por baixo do custo de produción”, para iso é necesario introducir a posibilidade de fixar o prezo atendendo a custos de produción de referencia, como poden ser os estabelecidos nos estudos que realizan os observatorios dos diferentes territorios ou as universidades nesta materia.