BNG demanda da Xunta medidas para reverter as dificultades das mozas galegas na súa incorporación ao mercado laboral

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira critica que as Xuventudes do Partido popular cuestionen, en  redes sociais, a inversión en políticas feministas sen que Feixóo desautorice unha postura machista e de ultradereita que considera “innecesarias” as políticas feministas

A deputada do BNG, Iria Carreira formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre as medidas para reverter a situación na que se atopan as mozas galegas na súa incorporación ao Mercado laboral.

Para a deputada, a pandemia da COVID  converteuse nunha “trituradora de empregos” que non fomos quen de recuperar e os que se recuperaron son “máis temporais e precarios”. Por outro lado, dixo, a fenda salarial continua sendo preocupante, sobre todo entre as persoa de menos idade ao que sumou o tempo de cotización que afecta moi negativamente ás mulleres no período de xubilación aumentando a fenda salarial nas pensións.

Carreira tamén  advertiu do alto nivel de risco de pobreza e exclusión social das mozas ante as dificultades de acceder ao mercado laboral.

Tras a intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a deputada do BNG replicou que caer  na “pasividade e autocompracencia” non serve nunca para avanzar. “Só lles gusta a estatística para que lles dea a razón, aínda que para ter esa razón teñan que omitir unha parte da realidade”.

Iria Carreira remarcou que os datos reflicten o descenso na poboación parada que ao seu xuízo, “non se produce polo medre na ocupación, senón porque aumenta a poboación inactiva”, debido a que  as mozas galegas están abandonando  o mercado laboral en Galiza  para “coller as maletas e buscar fortuna noutros lugares”. Poden negar a emigración, dixo a nacionalista á conselleira pero iso non significa que non exista.

Por outra parte, insistiu en que os datos amosan unha realidade preocupante por que  as diferenzas de xénero no mundo laboral están lonxe de ser erradicadas, máis ben,  todo o contrario, “vemos como hai un claro retroceso na calidade do emprego ao que acceden as mulleres con maior número de contratos temporais mais tamén cunha maior prevalencia de contratos que non son a xornada completa”. Nesta situación laboral, máis  do 60% do salario medio utilizase para  pagar o alugueiro ao que sumou o incremento da luz e do combustible.

 As condicións laborais das mulleres son “precarias” e cunha grande temporalidade, más xornadas a tempo parcial e unha maior rotación no emprego que repercute  directamente nuns ingresos salariais menores para as traballadoras, recalcou a deputada do BNG.

“E fronte a isto, as novas xeracións do Partido popular dedícanse a cuestionar nas redes sociais a inversión en políticas feministas. Cada minuto que pasa sen que o señor Núñez Feixóo desautorice  tal difamación, é un posicionamento claro do lado do machismo e a ultradereita máis rancia que considera que as políticas feministas non son necesarias”.

Dende o BNG, afirmou, temos moi claro que só co feminismo pode avanzar o mundo e dende o BNG, “non imos a permanecer caladas”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG