O portavoz de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, a través dunha pregunta ao goberno, demandou cubrir as prazas para o lectorado galego e mellorar as súas condicións económicas. Para o deputado, as prazas non poden ficar desertas e urxe “resolver o agravio” económico a respecto das persoas que desenvolven o mesmo labor noutros idiomas ao que sumou a precariedade no desenvolvemento das funcións do lectorado galego.
Lourenzo explicou que as contías non foron actualizadas e os lectores galegos nas diferentes universidade do mundo perciben un salario de 1.200 euros, cantidade, dixo que “dificulta gravemente a súa estadía en cidades como Berlín, Madrid ou Barcelona”.
Dende o BNG entendemos, dixo, “ que a presenza internacional do noso idioma debe ser un dos grandes compromisos do goberno galego e resulta incomprensible que unha
cuestión tan relevante para o futuro da nosa lingua se poida soster “en piares de precariedade e abandono” e con grandes dificultades para cubrir as prazas.
Tras saudar as persoas lectoras que seguían o debate da comisión de Educación, o nacionalista reiterou que o goberno do PP negou as cantidades para “desprazamento, manutención ou aloxamento”
Política Lingüística persiste en manter a precariedade e o agravio
Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García trasladou ao deputado que unha futura subida na contía salarial depende dos convenios coas diferentes universidades. O nacionalista cualificou a resposta de García de, “artificios enterprise” tentando xustificar que a secretaria xeral debe negociar coas universidades a contía baixo a escusa “de que non se produzan agravios a respecto doutras linguas”. Lourenzo acusou ao titular de Política Lingüística de utilizar un argumento para xustificar que “ non soben as contías para non agraviar aos lectores doutras linguas” cando un lector noutra lingua percibe o “dobre que un galego”. Isto, é “un insulto a todas esas persoas que agora están seguindo esta comparecencia e vostede, explicou Lourenzo debe rectificar.
Asemade, o deputado do BNG tamén criticou o anuncio “en estudio” dun posible incremento salarial “ergo competencia da Xunta” pero despois resulta, explicou Lourenzo, que os complementos deben ser negociados coas universidades. Teñen que aclararse porque “están dicindo unha cousa e a contraria e seguen tomándonos o pelo”.
Coñecemos perfectamente a diferencia entre un contratado e un bolseiro, recalcou pero vostede insiste en que cumpren as mesmas funcións e ese precisamente “é o problema” que hai que resolver.
O nacionalista convidou ao secretario xeral de Política Lingüística a testar a opinión dos directores dos centros nos que os lectores desenvolven a súa actividade e apelou á “competencia e responsabilidade” da Xunta para buscar unha solución a “este agravio”.
Finalmente, Manuel Lourenzo tamén se referiu á necesidade de cubrir as prazas “desertas” e afirmou que o Goberno do Partido popular preferiu seguir mantendo a precariedade, durante décadas, e “unha situación inasumible” para os lectores.