O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, diríxese ao Ministerio de Transición Ecolóxica para lle demandar a adopción de medidas coas compañías eléctricas para finalizar cos microcortes de luz en moitas comarcas de Lugo.
O problema esténdese a moitas localidades da montaña luguesa, especialmente na zona oriental, mais, tamén se produce en áreas próximas á cidade. “Os cortes de luz de breve duración teñen efectos moi prexudiciais nos electrodomésticos, nos computadores e aparellos médicos. Causan moitos problemas no comercio, nos negocios, na actividade agro gandeira, e no traballo de autónomos”.
Os cortes de luz requiren dunha solución. “Non poden ser un costume”
A cuestión, subliña Néstor Rego, “é que non se trata de algo puntual, os microcortes eléctricos son constantes e requiren dunha solución”.
O deputado do BNG reclama ao Ministerio presidido por Teresa Ribera que obrigue as empresas eléctricas a acabar con estas deficiencias na subministración eléctrica. “O Goberno ten a obriga de garantir un servizo eléctrico de calidade, sen cortes nin deficiencias. Debe exixir ás empresas eléctricas a calidade do servizo e compensacións aos usuarios. Sen esquecer que Rede Eléctrica Española (REE) tamén ten unha responsabilidade nesta situación”.
Modernizar a subministración eléctrica en moitas áreas de Lugo
“É preciso que se leve a cabo a modernización na subministración eléctrica de moitas área de Lugo e tamén de Ourense. Nesa cuestión, o Goberno ten unha responsabilidade fundamental”, afirma Rego. O parlamentar nacionalista denuncia que esta situación leva a moita xente a ter nas casas xeradores auxiliares para evitar os cortes de luz”.
Rego advirte ao Ministerio que “se se pretende fixar poboación no ámbito rural, é básico asegurar os servizos públicos, electricidade sen cortes, telefonía, unha boa cobertura de internet, indispensábel para o desenvolvemento de proxectos empresariais, para o teletraballo, para realizar trámites coa administración ou facer tarefas escolares”.