Congreso e Senado

BNG demanda ao Goberno medidas urxentes para arranxar o mal estado da N-120 en Valdeorras

Carme da Silva e Néstor Rego
Carme da Silva e Néstor Rego
Mediante iniciativas rexistradas no Congreso e no Senado advirten do empeoramento do estado do firme desta estrada que “precisa de investimentos urxentes”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme Da Silva, presentaron preguntas parlamentares nas que exixen ao Ministerio de Transportes o inicio de actuacións urxentes para arranxar as numerosas deficiencias e o mal estado da N-120 entre Valdeorras e Ourense.

Salientan “a perigosa situación da N-120 despois de anos de abandono”. Advirten do seu empeoramento e dos conseguintes problemas de seguridade viaria que xera, “algo denunciado polo BNG en numerosas ocasións”. “É unha estrada que precisa de investimentos urxentes”, e subliñan a preocupante situación da vía na comarca de Valdeorras en que “é a única estrada de comunicación coa cidade de Ourense”.

“O mal estado da N-120 chegou ao límite do tolerábel”

O deficiente estado da N-120 nesta zona “chegou ao límite do tolerábel. Ademais do agrandamento das fochancas, buratos e fendas pola erosión de temporais, constátase a perda da capacidade reflectora das marcas viarias, agora completamente esvaecidas”. Alertan do risco que isto supón para a condución posto que se perde a referencia da estrada.

Na tempada invernal, indican na exposición de motivos, a situación agrávase debido ao efecto “aqua plannig pola acumulación de auga nas fochancas”. As queixas proceden tanto de usuarios habituais, como de profesionais sanitarios e condutores de ambulancias, do sector empresarial e do transporte que denuncian “o cada vez maior illamento da comarca que non ten outra vía de comunicación posto que a A-76 segue a ser un proxecto”.

Illamento: Valdeorras non ten outra vía de comunicación con Ourense

Únese a estes factores o feito de que se trata dunha estrada que ficou obsoleta para soportar o tráfico rodado, “non só polo seu mal estado senón pola escaseza de carrís de adiantamento: por exemplo entre Ourense e Os Peares”. Neste sentido, lembran que o Ministerio aprobara en marzo de 2023 un proxecto de  terceiro carril desde Ourense ate a desembocadura do río Sil (15 quilómetros), mais a pesar de se comprometer a licitar as obras antes de terminar o ano, “nada se fixo”.

Para o deputado e a senadora do BNG, a N-120 precisa dun Plan Integral de actuacións, mais a lamentábel situación en Valdeorras necesita de “obras urxentes para non conducir por unha estrada sen adecuada sinalización, chea de fochancas e que non ofrece garantías para unha condución segura”.

Reclaman ao Ministerio que se inicien “obras de mellora do firme e da sinalización na N-120 entre Valdeorras e Ourense canto antes”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG