Desde 2021 as persoas consumidoras, tanto domésticas como industriais, de enerxía eléctrica sufriron unha escalada de prezos sen precedentes. Unha situación de inflación insoportábel que se acompaña de importantes subidas noutros ámbitos como o gas, os combustíbeis fósiles ou a cesta da compra. O ano 2021 pechouse na Galiza cunha inflación de 6,7%, dúas décimas superior á do conxunto do Estado español que se sitúa en 6,5%. A taxa de inflación interanual en Galiza no pasado mes de febreiro foi de 8%, a máis alta das tres últimas décadas.
A luz rematou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/ MWh debido á espiral alcista do “ pool” no segundo semestre, onde moitos dos días superou os 300 euros/MWh. En xaneiro de 2022, o prezo medio do mercado foi de 201,72 euros/ MWh, un 235,3% superior ao prezo medio de xaneiro do ano anterior. É máis, o megawatt/hora en marzo bateu un novo récord superando os 400 euros/ MWH, é dicir, desde decembro de 2020 multiplicouse o prezo por dez.
Ademais, explica Rego, como se a escalada de prezos e o baleirado dos encoros- que afecta especialmente a comarcas de Lugo e de Ourense- non fose suficiente mostra do abuso das compañías eléctricas, nos meses de outubro a decembro producíronse grandes atrasos na facturación para un gran número de clientes na Galiza e no conxunto do Estado. Este atraso mantense co comezo do 2022 e, de feito, moitas persoas consumidoras están a denunciar esta situación a través dos medios de comunicación, as redes sociais e reclamacións ante as asociacións de consumidores e as propias eléctricas.
“O atraso e acumulación de facturas provoca un grave desamparo e preocupación nas e os consumidores que, nun contexto de crecemento dos prezos e en plena época de frío invernal, non poden saber canto terán que pagar e se serán capaces de asumir o importe total da factura acumulada” subliña o deputado nacionalista. Por este motivo, Rego demanda ao Goberno iniciar o Goberno do Estado as investigacións precisas sobre os atrasos no envío das facturas eléctricas por parte das empresas comercializadoras eléctricas que supoñen acumular o gasto dos últimos meses nun único recibo causando desamparo, incerteza e indefensión ás persoas consumidoras.
De facto, o BNG pregunta sobre a posibilidade de incoar expedientes e, se procede, sancións ás entidades responsábeis dese excesivo atraso na remisión das facturas da luz a miles de clientes da Galiza. Aliás, propón a idea de impulsar “unha campaña específica de información e asesoramento respecto dos dereitos que asisten ás persoas consumidoras ademais de fiscalizar o respecto e garantía dos mesmos”.
Paralelamente a todo iso débese engadir os cambios de tarifa horaria que foron adoptados o pasado xuño polo Goberno do Estado, ocasionando alteracións nas facturas e nas previsións de gasto para moitos consumidores e consumidoras, sobre todo no caso dos que tiñan contratada discriminación horaria. “Este cambio parece ser un dos posíbeis motivos do atraso na facturación, pois exixiu a reprogramación de millóns de contadores mais era algo predicíbel e organizado polo propio sistema e que por tanto, debería terse realizado con maiores garantías para as persoas consumidoras” enfatiza Rego.
“Os atrasos afectan a grandes compañías eléctricas como Endesa ou Naturgy, empresa esta última que durante este mesmo período aproveitou para deslocalizar o servizo de atención ao cliente que se situaba na Galiza case na súa totalidade e que tivo o sistema de atención caído durante máis de dez días, o que serviu para profundar na situación de desamparo dos seus clientes” denuncia o deputado do BNG.
As propias comercializadoras, salienta Néstor Rego, consideran que habería un 16% de clientes afectados en todo o Estado, con todo, non está a levarse a cabo unha política de transparencia e información sobre este asunto, “nin por parte das eléctricas nin por parte do Goberno que ten competencias e responsabilidades en materia de planificación enerxética, consumo e protección das persoas usuarias”.
En definitiva, hai clientes que levan ata seis meses sen recibir as facturas e isto atenta contra o seu dereito para planificar o gasto e de estudar ofertas de empresas competidoras. Aínda que algunhas das comercializadoras informan de ofrecer fraccionamentos aos seus clientes para facilitar o pago, é necesario que se fiscalice que se está a ofrecer esta posibilidade a todos e en que condicións e que as administracións impulsen unha solución.