A senadora por Galiza, Carme da Silva, chama a iniciar unha reforma no sistema de financiación autonómica que asegure a capacidade económica da Galiza e a suficiencia financeira que permita prestar servizos públicos de calidade á cidadanía. Neste sentido, ademais de propor que o modelo de financiamento atenda á realidade galega -con criterios de avellentamento, dispersión poboacional, migración, cambio climático-, defende respectar as competencias propias de Galiza e completar a transferencia das competencias pendentes recollidas no Estatuto e as reclamadas polo Parlamento Galego.
Financiamento xusto para a Galiza
Durante o debate dunha moción no Senado, obxecto dunha emenda do BNG, a senadora de Galiza, Carme da Silva, defende un novo sistema de financiamento autonómico xusto para a Galiza. “A igualdade entre os territorios do Estado non será posíbel namentres non modifiquen o actual modelo de financiamento das CC.AA. que levan anos bloqueando uns e outros” critica da Silva.
“É necesario un modelo adaptado que teña en conta os criterios de envellecemento da poboación, de dispersión de poboación, emigración ou cambio climático para percibir os recursos que se precisan para costear os servizos públicos” defende. Galiza, especifica, está “por debaixo en financiamento”, anos de déficit histórico “que é de xustiza compensar”.
PP como o máximo “austericida” e invasor competencial
“A invasión de competencias foi unha características inherente aos gobernos do PP no Estado cun total de 257 recursos xudiciais rexistrados por invasión competencial durante os gobernos de Rajoy” exemplifica da Silva. Do mesmo xeito, lembra a senadora do BNG, foron os gobernos autonómicos e estatais do Partido Popular os maiores “austericidas” cando recortaron a sanidade, a educación, a dependencia. “Non lles preocuparon as competencias nin o financiamento das CC.AA.
“Resulta sorprendente que o portavoz do PP teña que alardear da transferencia á Galiza das competencias en materia de Sanidade porque estas foron transferidas hai 32 anos” enfatiza da Silva. Na Galiza, recorda a senadora do BNG, o PP leva 14 anos gobernando mais non asumiu nin unha soa competencia nova, nin as recollidas no Estatuto de Autonomía nin as demandadas pola unaninimidade do Parlamento Galego. “Ningunha. Mentres Andalucía asumía 11 novas competencias; Catalunya, 17; e Euskadi, 26” exemplifica a senadora de Galiza.
“Nerviosos e en tempo de desconto”
“O acordo conseguido polo BNG para a investidura evidencia que o BNG fai o que o señor Rueda e o Goberno galego non facían que era defender os intereses dos e das galegas, reclamando un trato igualitario para a Galiza e mellorando as súas vidas” reivindica da Silva.
Aínda ninguén do Goberno galego, nin o propio Presidente, aclararon por que non se acolleron ao Fondo de Liquidez Autonómico e preferiu optar polos sistemas de financiamento privados. “Están molestos porque o BNG conseguiu que, calquera condonación de débeda –total ou parcial- a autonomías que se acolleran ao FLA, o Goberno do Estado deberá estabelecer mecanismos de compensacións análogos a Galiza” destaca da Silva sobre a compensación da débeda.
Agora, denuncia a senadora do BNG, o Partido Popular rexeita a emenda presentada polo Bloque Nacionalista Galego para garantir un sistema de financiamento xusto para a Galiza. “Están nerviosos, molestos e o seu goberno da Xunta está en tempo de desconto” conclúe.