congreso

BNG defende permitir a xubilación anticipada en longas carreiras de cotización e corrixir as desigualdades existentes no actual sistema

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe ao Ministerio de Seguranza Social mellorar as condicións da xubilación estabelecendo medidas correctoras ante as desigualdades que se producen

“Recoñecerá e mellorará os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos?” pregunta Rego

O BNG propón modificar a lexislación e permitir a xubilación voluntaria ao cumprir 35 anos de cotización sen penalización

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas co obxectivo de que o Ministerio de Seguranza Social corrixa as desigualdades que se producen e garantir unha mellora nas condicións da xubilación. A frente nacionalista reclama a eliminación da penalización na xubilación anticipada en longas carreiras de cotización e o estabelecemento de medidas correctoras. Así mesmo, pregunta a posición do Goberno a respecto da posibilidade de avanzar no recoñecemento do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, así como os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación.

“O BNG defendeu no seu momento ante o Pacto de Toledo que se incorporase unha recomendación para estabelecer a xubilación voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización á Seguranza Social, reais ou compensados pola aplicación de coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados, sen penalización. Unha medida máis necesaria ca nunca para non castigar ás longas carreiras de cotización” lembra o deputado do BNG no Congreso.

Ante esta situación, Néstor Rego urxe o Goberno a modificar a lexislación vixente para permitir a xubilación voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización á Seguranza Social, reais ou compensados, pola aplicación de coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados, sen penalización. Do mesmo xeito, chama a recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

En opinión da organización nacionalista, o Ministerio debe analizar as desigualdades na prestación que se producen en función da data en que se produce o acceso á xubilación, especialmente no caso da xubilación anticipada. “Reclamamos que se estabelezan medidas correctoras, especialmente no caso de xubilacións anticipadas en carreiras de longa cotización onde a penalización está ser pode ser enormemente cuantiosa” subliña Rego.

“Considera xusto que persoas con menos anos cotizados poidan acceder a 100% da prestación á vez que persoas con 38 ou 40 anos cotizados sofren penalizacións por mero feito de xubilarse anticipadamente?” pregunta severamente o deputado nacionalista ao mesmo tempo que demanda ao Goberno que desenvolva medidas que palíen estas desigualdades.

Por último, Rego reitera que a organización nacionalista seguirá reclamando o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG