A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu a proposición non de lei, promovida pola CIG e avalada por máis de 15 mil sinaturas, para crear un “sistema público que integre nunha única rede os distintos servizo de atención ás persoas: centros de día, residencias, centros de discapacidade, o SAF ou o Xantar”.
A parlamentaria, tras saudar ao secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de organización, Susana Méndez, acompañados de compañeiras e compañeiras da Confederación Intersindical Galega que presenciaron o debate dende a tribuna do público, lembrou que a proposta superou “seis veces” as sinaturas exixidas legalmente para impulsar un debate na Cámara sobre os dereitos sociais dunha parte fundamental de Galiza, “as persoas maiores, dependentes e con discapacidade”.
Na súa intervención, Rodil lembrou que despois de dous anos de pandemia constatamos as súas consecuencias e de maneira especial, sobre as persoas máis vulnerables. “Vimos como a pandemia poñía todo pernas para arriba” e se converteu nun azoute para o precariísimo sistema de coidados.
Segundo os últimos datos de decembro de 2021,explicou, das 65 mil persoas con algún grao de dependencia recoñecida en Galiza o 32% son usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, SAF (24.636), o 19% ten unha prestación para coidados familiares (15.263) e o 13% unha P.E vinculada a servizo (10.129) é dicir, reciben “unha prestación económica que ten como finalidade contribuír ao financiamento do custe dun servizo, prestado por un centro ou entidade privada, debidamente autorizada, cando non é posíbel o acceso a un servizo da rede pública”.
Aínda que a Lei de dependencia foi aprobada hai 16 anos e prioriza o acceso a servizos antes que calquera prestación económica, a realidade vai en sentido contrario, e de feito, os últimos informes dos Ademais, reflicten un “grao enorme” de privatización, coa a maior parte do diñeiro público, en materia de dependencia, destinado á empresa privada.
Quen coida? Quen traballa nos centros de día, residencias, no SAF…? E en que condicións o fai? preguntou a nacionalista para responder que “son mulleres precarias” como as traballadoras do SAF cun convenio caducado dende o ano 2012, empresas que non pagan o custe dos desprazamentos aos domicilios e falta de recursos materiais como grúas para erguer a persoas encamadas ou baños adaptados.
Lembremos que a asignación de horas aos concellos, a intensidade horaria que reciben as persoas usuarias, a valoración do grao de dependencia, a asignación de recursos en función das necesidades e dereitos recoñecidos… depende da Xunta de Galiza que ademais financia a maior parte do servizo pero a xestión do persoal (directa ou privatizada) o control da prestación do propio servizo corresponde aos servizos municipais. En moitos concellos, especialmente os máis pequenos, non teñen nin os recursos humanos para facelo: “concello medio de Lugo e Ourense, con menos de 6.000 habitantes, teñen unha traballadora social para facer todo”.
Ter unha vida en condicións dignas cando nos facemos máis vellas ou cando temos unha discapacidade e precisamos de apoios para poder erguernos, ducharnos, vestirnos, comer… “é un dereito, e debe existir un sistema público forte que proporcione os servizos necesarios para garantilo”.
Neste sentido, defendemos construír “un verdadeiro sistema de coidados forte e público que garanta dereitos de maneira real e efectiva”.
A deputada lamentou que o portavoz popular , Alberto Pazos Couñago anunciara o voto en contra do Partido popular á proposta impulsada pola CIG e defendida polo BNG para crear un “sistema público no noso país que integre nunha única rede os distintos servizo de atención ás persoas”.