BNG defende incluír Narón no Plan de Transición Xusta das Pontes

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego apoia as demandas do concello e a Asociación de Empresarios da comarca de Ferrol e garantir a igualdade de oportunidade deste concello e do seu tecido empresarial

Permitir que Narón acceda ás axudas que se estabelezan para impulsar novos proxectos de desenvolvemento na comarca e paliar os efectos do fechamento da central térmica

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado incluír ao Concello de Narón na zona de transición xusta das Pontes e no Plan de acción urxente para as comarcas de carbón e afectados polo fechamento de centrais no período 2019-2021. A organización nacionalista demanda que non se discrimine a este municipio, tamén afectado polo fechamento, e garantir a igualdade de oportunidades, do concello en xeral e do seu tecido empresarial de forma especial, no acceso ás axudas que se estabelezan para impulsar novos proxectos de desenvolvemento na comarca de cara a paliar os efectos do fechamento na súa economía.

O Concello de Narón e a Asociación de Empresarios da comarca de Ferrol reclamaron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico incluír a este municipio na “Zona de Transición Xusta das Pontes” que recolle un plan de acción urxente para esta comarca do carbón e afectados polo fechamento de centrais no período comprendido entre 2019 e 2021. Actualmente no plan para esta comarca están incluídos os concellos de Cabanas, A Capela, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Vilalba e Xermade.

“Sorprendentemente neste listado non se atopa o Concello de Narón, localidade que pola súa traxectoria empresarial e localización padecerá tamén as consecuencias derivadas do anuncio de fechamento da central térmica das Pontes” explica o deputado nacionalista. De facto, Narón está considerado na actualidade o motor industrial da comarca de Ferrol -posúe o terceiro polígono industrial máis grande da Galiza- asentándose decenas de empresas auxiliares da térmica pontesa, subministradoras de material e servizos. “O impacto, polo tanto, será maior en Narón que noutros concellos e podería derivar en que moitas destas empresas deban cesar a súa actividade pois o seu grado de implicación e dependencia coa central é moi importante” subliña Rego.

A organización nacionalista entende que é necesario dar un trato igualitario ao conxunto de concellos que conforman a comarca de Ferrol e garantir por parte do MITECO a igualdade de oportunidades para todos eles no acceso a axudas que se estabelezan para impulsar novos proxectos de desenvolvemento na comarca. “A xeración e o mantemento do emprego e a xeración de alternativas de negocio deben garantirse tamén en Narón, máis neste momento, ante a crítica situación que atravesa a cidadanía polo actual contexto de crise económica e a suba descontrolada de prezos” destaca Néstor Rego.

En opinión do deputado nacionalista, as medidas que se tomen non poden deixar atrás o Concello de Narón e o seu tecido empresarial, que debe ser incluído para frear a posíbel perda de poboación, e evitar lastrar a competitividade empresarial de Narón.  

Cabe destacar que o pasado mes de novembro, o Concello de Narón aprobaba por unanimidade unha moción na que instaba os gobernos do Estado e da Xunta de Galiza a realizar as xestións necesarias para incluír a Narón no ámbito xeográfico do convenio de Transición xusta das Pontes co fin de que puideran optar ás mesmas axudas que o resto de municipios afectados polo fechamento da térmica, porén, aínda non se coñece nin se fixo público ningunha acción neste sentido, mais o concello non pode seguir agardando.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG