congreso

BNG defende blindar o transporte colectivo como servizo público na Lei de Mobilidade Sustentábel

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego exixe apostar polo ferrocarril como medio do futuro “eficaz, eficiente e verde”, pondo en valor todas a infraestruturas xa existentes, ampliando os servizos con horarios, frecuencias e tarifas adecuadas e implantando o servizo de cercanías onde aínda non existen

Con 110 emendas rexistradas, a frente nacionalista procura blindar as competencias propias da Galiza, asegurar recursos e o financiamento suficiente do servizo público e evitar a supresión de liñas e paradas

“Queremos corrixir o déficit histórico que sofre á Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, a través da dotación de maior investimento para cubrir as necesidades do País” defende Rego

O Bloque Nacionalista Galego publica as máis de 100 emendas rexistradas ao Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel centradas en asegurar o transporte colectivo como un servizo público e respectar as competencias propias da Galiza. A frente nacionalista procura asegurar por Lei o financiamento así como os recursos materiais e humanos para prestar o servizo público, así como evitar a supresión de liñas e paradas para dar cobertura a todo o territorio, atendendo aos menos poboados ou con alta dispersión poboacional. Néstor Rego, o deputado do BNG, destaca as emendas encamiñadas a superar o déficit histórico que sobre á Galiza en infraestruturas ferroviarias, aumentando o investimento e implantando as cercanías ferroviarias.

Un primeiro bloque procuran garantir o financiamento suficiente do transporte público por parte da Administración Xeral do Estado, autoridade competente que “debe dotar dos recursos materiais e humanos suficientes para poder prestar o servizo público”. No financiamento, a frente nacionalista tamén reclama orientar o investimento para superar o déficit histórico que sofre á Galiza, sobre todo en infraestruturas ferroviarias, para cubrir as necesidades mínimas e básicas, así como completar, na maior brevidade, o corredor Atlántico de mercadorías e realizar as obras precisas para a conexión das autoestradas ferroviarias.

“O texto proposto polo Goberno fala da rendibilidade económica do servizo, mais presentamos emendas para corrixir esta redacción e garantir que non se supriman paradas e liñas existentes na actualidade e dar cobertura a territorios menos poboados ou con alta dispersión poboacional onde debe primar garantir o servizo público de transporte” afirma o deputado do BNG. Un dos obxectivos da organización nacionalista é promocionar e impulsar o transporte colectivo que, do punto de vista do BNG, “debe ser un instrumento que contribúa ao desenvolvemento económico, permita a cohesión social e o equilibrio territorial”. Para este cometido, o deputado do BNG exixe dotar os servizo, tanto de transporte por estrada como ferroviario, “de horarios, frecuencias e tarifas adecuadas adaptadas á realidade dos diferentes territorios”.

Alén do máis, o deputado nacionalista insiste na necesidade de respectar as competencias propias da Galiza e que a Administración Do estado, en colaboración coa Xunta de Galiza, promovan e promocionen a intermodalidade. “Queremos unha mobilidade propia do século XXI adaptada á realidade propia do noso País” alega Rego.

Así mesmo, sempre que fose posíbel, a frente nacionalista demanda a creación e promoción de empresas públicas de transporte. Tamén incluíu unha emenda para paralizar a privatización da xestión das torres de control aéreas, así como a reversión ao ámbito público das agora concesionadas, para garantir a seguridade aérea.  

Aposta e promoción dos servizos ferroviarios

Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, é prioritario apostar polo mantemento e a posta en valor de todas as infraestruturas xa existentes, dotándoas de medios materiais e persoais necesarios para un funcionamento adecuado para promocionar “este medio do futuro eficaz, eficiente e sustentábel”. Así mesmo, a través das emendas, demanda mellorar e ampliar os servizos ferroviarios e incorporar novos, sobre todo nos territorios onde non existen os servizos de cercanías ferroviarias. “O Goberno debe implantar as cercanías onde non existen, con horarios, frecuencias e tarifas específicas que permitan atraer a máis persoas a este servizo” apunta.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG