A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG, Alexandra Fernández pediu “responsabilidades” ao director da CRTVG por represalias a un traballador tras participar nunha das mobilización contra a manipulación informativa do medio galego. Para a nacionalista, o director da CRTVG, Sánchez Izquierdo iniciou “unha fuxida cara adiante” para non asumir o acontecido, a pesar de que a sanción respondeu a unha represalia pola que a CRTVG foi condenada.
A deputada nacionalista explicou que no ano 2018, despois da participación do traballador nos actos contra a manipulación informativa da CRTVG, foi apercibido cun expediente sancionador. A coartada para sancionalo foi a súa participación como locutor nun programa que a compañía pública adquiriu a unha produtora externa, a pesar de que o traballador tiña recoñecida dende hai anos a compatibilidade para desenvolver outros encargos para empresas privadas. O máis “inverosímil” e que nunca se deran conta até o momento en que se mobiliza o traballador “como reflicte a sentencia”.
Para a deputada do BNG, o expediente pretendía converterse “nunha advertencia aos traballadores que se mobilizasen e significasen”.
Non contaban vostedes, dixo Alexandra Fernández “coa mobilización e apoio do colectivo dos traballadores e traballadoras que despois de coñecer esa sanción, non se amedrentaron, senón que denunciaron, se cabe con máis forza, que se trababa dunha represalia máis, que se sumaba a outras como a lanzada contra Tati Moyano”.
Nese momento, engadiu, vostede tiña dúas opcións: “pisar o freo e rematar con esta dinámica de coacción e represalia aos traballares, ou facer o que fixo, iniciar unha fuxida cara adiante”. Unha “fuxida cara adiante” que se fai pública e notoria por vez primeira cando compareceu nesta comisión hai catro anos. Naquela ocasión afirmou que “falar de represión por parte da CRTVG por unha apertura de expediente era cando menos unha verba desafortunada.”
A sentenza do TSXG, que se vén de emitir recentemente remarcou a nacionalista reflicte que “a empresa demandada, o medio público que vostede dirixe, non probou
que a sanción obedecese a un propósito alleo ás represalias” e á luz dos últimos acontecementos, falar de política represiva na CRTVG parece que é moi de “sentencia xudicial”, ironizou.
Por outra parte, a deputada, tras aludir a diferentes sentenzas criticou que o director da CRTVG persistira no “seu intento desesperado” de xustificar o proceder do medio público e mesmo insinuando “ataques velados” aos grupos parlamentarios por formular preguntas e desenvolver o labor de control. A súa “fuxida cara adiante” mesmo o levou a negar a sentenzas e atacar aos traballadores e traballadoras e decidiu presentar un recursos que sabía non tiña percorrido pero de novo, “perseguía ao traballador”.
“O pasado 30 de maio, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificou a sentenza do Xulgado Social Número 1 de Santiago de 28 de decembro de 2021, que condena a CRTVG por sancionar un traballador como represalia” e a sentenza do TSXG desestima o Recurso de Suplicación interposto pola propia CRTVG e confirma integramente a resolución recorrida. Vostede, afirmou a nacionalista, “séntase por terceira vez nesta cámara, e hoxe si ou si, está obrigado a asumir responsabilidades”.
Alexandra Fernández concluíu a súa intervención preguntando ao director da CRTVG se está disposto a unha desculpa pública ao traballador e se vai asumir a dirección “responsabilidades” por exercer unha “política contra os traballadores”, cuestións sobre as que Sánchez Izquierdo eludiu responder.