“Presentar de forma inmediata os recursos xudiciais oportunos para reclamar do Goberno central o pago da débeda contraída con Galiza por mor da demora do pagamento do IVE de 2017 e da demora das actualizacións das entregas a conta pendentes do sistema de financiamento”, demandou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas.
O que non vai a ningunha parte, destacou, “é a relación epistolar, porque entre carta e carta o Goberno do Estado tómanos o pelo ignorando ademais as demandas deste Parlamento. Da a impresión de que rexeitan a alternativa do recurso porque así teñen máis fácil botarlle a culpa a terceiros”, indicou a deputada.
Igualmente, Presas defendeu en nome do Bloque “esixir do Goberno central a derrogación da normativa sobre estabilidade financeira, -así como a reforma constitucional exprés de 2011 que a sustenta-, por restrinxir a capacidade investidora e de mellora de servizos públicos da Administración galega e das administracións locais e supoñer unha vulneración do autogoberno”.
Pero o Bloque considera que o problema das entregas a conta son o reflexo dun problema máis fondo: a dependencia financeira de Galiza dentro dun sistema de financiamento discriminatorio con este país, que deixa a chave dos recursos e dos ingresos a Madrid.
Neste sentido, o BNG urxe demandar do Goberno central “a inmediata negociación dun novo modelo de financiamento baseado na negociación bilateral co Estado e no impulso a un concerto económico que blinde para Galiza a capacidade tributaria plena a través dunha Facenda Galega que integre a xestión da totalidade dos tributos con base a criterios de xustiza e redistribución social”, indicou Presas.
A deputada nacionalista salientou que a retención dos 700millóns de euros non é a primeira mostra desa dependencia a Madrid. Lembrou os 200 millóns de euros que o Estado debe a Galiza en materia de dependencia desde a etapa de Goberno de Raxoi ou os 1.000 millóns de euros orzamentados pero non executados só en materia ferroviaria tamén cando o Executivo do Estado estaba en mans do PP. Por iso urxe un cambio no modelo de financiamento, concluíu.