A responsable de Mar do BNG, Rosana Pérez, criticou o modelo do PP de considerar estratéxico “todo o que é gravemente prexudicial para os intereses do País e negar “sen pudor” a categoría de interese xeral ao que nos dá riqueza, como a pesca , marisqueo ou a acuicultura extensiva.
“O seu modelo é o de negarse a engadir un mísero artigo á Lei de Pesca de Galiza para recoñecer o sector tradicional do mar e outorgarlle o status legal de ser considerado de interese xeral, tal e como pedíu a través de 17.000 sinaturas o sector, mentres modifican ducias de leis pola porta de atrás que lle poñen a alfombra vermella a proxectos que apenas aportan postos de traballo e riqueza a este país”, afirmou.
Pérez comezou súa intervención no Pleno deste mércores recordando e agradecendo os milleiros de galegos e galegas (comunistas, manipuladas e desirformadas e politizadas —ironizou—) que manifestaron para opoñerse “contundente e democraticamente” esta fin de semana na Pobra do Caramiñal á instalación da macrocelulosa Altri no corazón de Galiza e á reapertura da Mina de Touro, ambos considerados pola Xunta de Rueda como Proxecto Industrial Estratéxico e esixiule que desautorice a súa reapertura.
“O seu modelo é Ence, é Altri e é a Mina de Touro, que —argumentou— xa vén comprometendo desde hai anos a calidade das augas do río Ulla, o máis determinante para a produtividade marisqueira da ría de Arousa, que nestes momentos é a máis baixa da historia por obra e graza da Xunta”, dixo, recriminándolle ao Goberno galego o “incumprimento sistemático das súas competencias exclusivas en materia hidrográfica na bacía do Ulla e no saneamento integral da ría.
A responsable de Mar do BNG salientou que a Xunta do PP leva 16 anos acometendo unha política de “desleixo e acoso” contra o sector pesqueiro e marisqueiro, cualificando de “especialmente sangrante” o destino que o PP ten planificado para o conxunto do sector primario e do mar. Aproveitou para afearlle á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, que acudise ao Pleno deste martes a “fachendear dunha política industrial que supedita 20.000 postos de traballo directos —e moitos máis indirectos-—aos intereses das grandes empresas amigas e das postas xiratorias”.
A deputada tamén reprobou a postura da Consellería de Mar, que, segundo ela, “mira para outro lado” diante da ameaza ambiental que supón a reapertura da mina de cobre de Touro, e recalca que “asiste a centos de actos propagandísticos cos cartos de todas e todos os galegos” mentres as ameazas da contaminación derivada da nova posta en marcha do proxecto “poñen na picota a cantidade e a calidade da produción pesqueira e marisqueira da ría de Arousa”, advertiu.
Durante a súa intervención, a deputada do BNG lembrou as máis de 10.000 alegacións presentadas nos últimos anos en contra da reapertura da mina de Touro, pola ameaza que esta suporía para o futuro de miles de familias. Subliñou ademais que o proxecto —que agora ten a etiqueta de estratéxico e que acelera a súa reapertura e pretende perpetuarse cunha concesión de 90 anos -— é practicamente idéntico ao presentado no 2017 e que a fortísima oposición que xa tivo daquela provocou unha declaración de impacto ambiental negativo por parte da Xunta.
Asegurou que o peso do sector da pesca na economía dos dez concellos da ría (que segundo o IGE supón o 18% do seu PIB) está “na corda frouxa única e exclusivamente por ese modelo de espolio polo que vostedes apostan”, lamentou. Un modelo que compromete a calidade das augas do río Ulla e que sacrifica non só a importancia económica do propio sector do mar senón tamén o valor social que adquire nos concellos costeiros, onde estende beneficios socioeconómicos entre toda a poboación, aclarou.
Para o BNG, as miles de alegacións e a forte oposición social non deben ser ignoradas. e por iso, na súa iniciativa, que foi rexeitada polo PP, propoñía que a Consellaría do Mar leve a cabo unha avaliación do impacto ambiental, económico e social que supón para o río Ulla e para a ría de Arousa a reapertura da mina de Touro, e exíxelle á Xunta de Rueda que antepoña a defensa da calidade das augas do Ulla, a súa biodiversidade, a súa recuperación e a actividade do sector do mar diante de calquera outra e que se rexeite o proxecto. “O camiño ten que ir xusto na dirección contraria na que vai o Goberno galego” afirmou.
Na súa réplica recriminoulle ao deputado do PP, que se dispoñía a marchar mentres Pérez aínda non rematara a súa intervención, de insultar as miles de persoas que rexeitan libre e democraticamente estes proxectos e recordoulle que “lle pagan por estar aquí e non para insultar a xente”, concluíu Rosana Pérez.