Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Galiza non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses bélicos da UE”

Minority Intergroup
Minority Intergroup

A eurodeputada do BNG remitiu unha carta ao vicepresidente Executivo da CE para a Estratexia Industrial sobre a selección da mina Doade para impulsar as materias críticas

Tras a selección por parte da Comisión Europea da mina ourensán de Doade como proxecto estratéxico para impulsar as materias críticas na UE, neste caso de litio, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou que “Galiza non pode ser territorio de espolio para satisfacer os intereses bélicos e o proxecto de rearme da Unión Europea”.

Nunha carta remitida ao Vicepresidente Executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, a eurodeputada galega subliña que, pola contra, “é fundamental que os nosos recursos estean baixo a estrita tutela de autoridades públicas competentes, suxeitas a un control democrático e transparente con salvagardas medioambientais e sociais”.

“Non pode ser que se utilicen as políticas de rearme para lanzar proxectos estratéxicos en territorios ricos en minerais, branqueando o rearme”, salienta Ana Miranda, quen por outro lado considera que se debe garantir a participación das comunidades locais nos procesos que se abran. Neste sentido, solicita unha reunión co vicepresidente Séjourné para dar voz ás comunidades locais afectadas, que poden achegar unha visión valiosa sobre como desenvolver proxectos sostibles e circulares, en beneficio das comunidades locais e sen un impacto ambiental negativo.

A ameaza da especulación

Para o BNG, o extractivismo non é a resposta para acadarmos a soberanía europea en materias primas críticas no actual contexto xeopolítico de rearme. Neste sentido, Galiza é nestes intres un claro exemplo a nivel europeo da atención suscitada na industria mineira transnacional polo acceso aos recursos de minerais estratéxicos, que até fai pouco foron considerados de escaso interese de explotación.

“Pese a esa consideración no pasado, co novo escenario xeoestratéxico mundial e co rearme da Unión Europea, estanse a configurar como reservas de explotación case inmediata, como acaba de anunciar a Comisión Europea”, explica a eurodeputada do Bloque, quen tamén alerta das ameazas da especulación, “posto que o obxectivo non é beneficiar directamente estes recursos senón ceder a concesión para o seu aproveitamento mediante venda, absorción ou inclusión no seu accionariado como socia capitalista de grande transnacional mineira ou de construtoras que en Galiza atopan un panorama lexislativo e administrativo moi favorábel aos seus intereses, promovido polo Goberno do PP coas leis de depredación extractivistas”.

A preocupación pola existencia en Galiza de recursos mineiros xa foi tratada pola eurodeputada galega na Eurocámara no ano 2023, cando presentou un total de 50 emendas no informe da Comisión de Política Rexional da Lei de Materias Primas (Regulación Europea 2023/0079), das que 43 foron incluídas no texto final.

Esas emendas, referidas especificamente as materias primas que presentan un alto risco de subministración, como poden ser o litio para as baterías ou o silicio para os semicondutores, tiñan o obxectivo, sobre todo, de garantir a protección medioambiental e do patrimonio cultural e histórico, así como a protección de aspectos relacionados coa produción de alimentos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG