Senado

Carme da Silva di que, co BNG, Galiza gaña “bonificacións históricas na AP-53” a partir de abril

Óscar Puente confirma a Carme da Silva que a entrada en vigor destas rebaixas para as persoas usuarias da autoestrada Santiago-Dozón serán en abril, para cumprir co acordo de investidura asinado co BNG

O BNG pon en valor o logro histórico das bonificacións de até 75% na AP-53 froito do traballo político e da presión social, recollido no Acordo de Investidura

Durante a sesión de control ao Goberno, o Ministro de Transportes confirma que as bonificacións históricas conseguidas polo BNG a través do Acordo de Investidura entrarán en vigor no mes de abril. A senadora do BNG, Carme da Silva pon en valor o logro acadado polo Bloque Nacionalista Galego ao conseguir bonificacións de até 75% para as persoas usuarias da AP-53, sendo as primeiras rebaixas nesta autoestrada.

Carme da Silva subliña que esta é unha vitoria histórica, xa que por primeira vez se aplicarán bonificacións nesta autoestrada, o que repercutirá directamente no peto das persoas usuarias. "Falamos dunha rebaixa substancial nunha das vías de pago máis caras da Galiza e do Estado, o que permitirá aliviar a carga económica de centos de galegas e galegos que empregan a AP-53 a diario” subliña.

De facto, segundo as estimacións, unha persoa que realice o traxecto de ida e volta entre Santiago e Lalín cinco días á semana poderá aforrar máis de 2.500 euros ao ano grazas a estas bonificacións. Esta medida, sinala Carme da Silva, é resultado non só da acción política do BNG, senón tamén da presión social exercida por diferentes colectivos e da demanda persistente da cidadanía galega.

A reivindicación histórica d a AP-53: introducido no Acordo conseguido polo BNG

A autoestrada AP-53 leva décadas sendo unha das infraestruturas con maior custo para as persoas usuarias en Galiza, unha situación que o BNG leva anos denunciando. Dende a súa posta en funcionamento, esta vía converteuse nun obstáculo para a mobilidade da cidadanía do interior do país, xa que moitas persoas víanse obrigadas a pagar tarifas abusivas para desprazarse entre as comarcas do Deza e a capital galega.

Frente a esta realidade, o Partido Popular nunca fixo nada para reverter a situación, malia gobernar tanto na Galiza como no Estado durante anos. Non só non promoveu ningunha rebaixa das peaxes, senón que consolidou un modelo que favorecía os intereses das concesionarias en detrimento da cidadanía galega. "O PP deixou abandonadas as galegas e galegos que dependen da AP-53, negándose a pór solucións sobre a mesa e permitindo que os prezos disparados das peaxes afogasen economicamente as persoas usuarias” recorda Carme da Silva.

O inmobilismo e a pasividade do Partido Popular contrasta coa capacidade negociadora do BNG, que logrou introducir no Acordo de Investidura unha medida que ningún outro partido foi quen de conseguir en décadas. "O PP sempre prometeu solucións que nunca chegaron. O BNG conseguiu feitos concretos que mellorarán a vida da xente” engade a senadora.

Carme da Silva lembrou que o BNG nunca aceptou que as galegas e galegos tiveran que asumir o elevado custo das peaxes como unha "normalidade imposta" e que esta consecución demostra que a loita pola xustiza territorial e polo dereito a unha mobilidade accesíbel é un camiño que dá froitos cando se combina acción política e a presión social.

O BNG, chave para que a Galiza avance

A senadora nacionalista aproveitou a súa intervención para reivindicar a necesidade de que o BNG teña maior representación nas Cortes do Estado. "Canto máis forza teña o BNG en Madrid, máis capacidade teremos para defender os intereses de Galiza e lograr avances reais para a nosa xente" manifesta.

O Bloque Nacionalista Galego reafirma o seu compromiso de seguir traballando para rematar coa discriminación en materia de infraestruturas e mobilidade que padece a Galiza. "Este é un primeiro paso, histórico, que virá acompañado doutros que permitan mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas” conclúe a senadora do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG