Congreso

Néstor Rego exixe a Sánchez apostar pola Paz e contra o rearme da Unión Europea

Néstor Rego
Néstor Rego

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, Néstor Rego defende á Galiza frente ao espolio que o Estado español e a Unión Europea pretenden levar a cabo

A organización nacionalista aposta de forma contundente polas vías dialogadas e diplomáticas para a resolución pacífica dos conflitos, frente ao modelo belicista da UE

“OTAN non! ALTRI non! Ou o que é o mesmo: Paz si! Industrialización racional e sustentábel si!" reivindica Rego

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, reafirma durante a súa intervención na comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a posición pacifista, anti-militarista e anti-imperialista do BNG. O deputado nacionalista demanda ao Estado español apostar pola diplomacia e o diálogo como vías para garantir a paz e evitar a escalada bélica na Unión Europea. Así mesmo, a organización nacionalista aproveita a comparecencia para defender á Galiza frente ao espolio do Estado español -rexeitando Altri- e da UE, após coñecer os plans europeos para a mina de litio de Doade, Ourense.

Contra a escalada bélica da UE, un compromiso firme pola paz

Rego denuncia que a UE está a promover unha nova "corrida armamentística" que, lonxe de aumentar a seguranza, intensificará a inestabilidade e o risco dun conflito militar a grande escala. "O camiño elixido pola Unión Europea e apoiado polo Goberno de Pedro Sánchez pon en perigo a estabilidade mundial e implica recortes no benestar da cidadanía europea para alimentar a industria armamentística” advirte.

O deputado nacionalista sinala que o chamado Plan de Rearme Europeo non busca crear un sistema de defensa autónomo para a Unión Europea, senón fortalecer a OTAN baixo o liderado dos Estados Unidos. “Nun contexto de crecente polarización e confrontación, cando nos parlamentos, cono neste, se impoñen discursos belicistas, son mais necesarias do que nunca posicións pacifistas, anti-militaristas e anti-imperialistas como a do BNG, que é histórica e consubstancial ao nacionalismo galego” afirma con contundencia Rego.

Ademais, o deputado galego critica con dureza a posición da UE a respecto da situación na Palestina. Mentres o Consello Europeo aprobaba unha resolución instando a retomar a tregua e a axuda humanitaria e o Congreso aprobaba unha moción do BNG onde se condenaba as intencións de Israel e os Estados Unidos de América para a “limpeza étnica” de Gaza após tomar o control da Faixa, a representante da política exterior da UE, Kaja Kallas, visitaba Xerusalén expresando solidariedade co Estado sionista e pedindo tan só "contención" a Israel. "Quer dicir que os criminais sionistas poden continuar a matar palestinos e palestinas, mais sen exaxerar" denuncia Rego, cualificando esta actitude como de "auténtica vergoña".

O BNG condena a impunidade coa que Israel segue a masacrar a poboación palestina, amparado pola inacción da comunidade internacional e a complicidade das potencias occidentais. "Non abonda con declaracións baleiras de condena, é urxente actuar para deter este xenocidio" subliña.

Na defensa do benestar social frente ao gasto militar

Rego alerta de que o incremento do gasto militar promovido pola UE responde ás esixencias do complexo militar-industrial, beneficiando especialmente a industria armamentística estadounidense. "Hospitais ou bombas, escolas ou tanques, atención á dependencia ou mísiles, vivenda pública ou cazas: o BNG teno claro, e acho que unha maioría da sociedade tamén" afirma Rego. O nacionalista galego rexeitou o proxecto Rearme Europa, que obrigará os Estados membros a incrementar o orzamento de defensa en detrimento dos investimentos sociais. "Este modelo de UE belicista é contrario aos intereses dos pobos de Europa, que verán recortados os seus dereitos e recursos para financiar a industria da guerra" engade.

Defensa do territorio galego frente ao espolio da UE

Por outra parte, o BNG rexeita a inclusión da mina de litio de Doade (Ourense) dentro dos proxectos estratéxicos da Unión Europea, que busca asegurar o subministro de materias primas críticas para a industria militar. Rego advirte do "espolio" que suporía para a Galiza e do seu altísimo impacto ambiental. "A UE pretende disfrazar de transición ecolóxica e de autonomía estratéxica o que non é máis que a destrución do noso territorio en beneficio das grandes multinacionais" asevera.

Do mesmo xeito, o deputado do BNG aproveita a súa intervención para insistir na oposición á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, un proxecto que "nin cumpre cos criterios de sustentabilidade ambiental nin conta co respaldo da cidadanía galega". O BNG insta ao Goberno de Sánchez a denegar os 250 millóns de euros que a multinacional solicita en fondos europeos. "Ese diñeiro debe destinarse a proxectos realmente sustentábeis e de industrialización racional" exixe Rego.

Un compromiso firme pola paz e a sustentabilidade

O BNG, finaliza Rego, mantén a súa aposta firme pola paz, pola diplomacia e polo benestar social, en contraposición a un modelo de UE que estabelece como prioritario o gasto militar e o saqueo de recursos naturais. "OTAN NON! ALTRI NON! Ou o que é o mesmo: PAZ SI! Industrialización racional e sustentábel si!" conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG