O portavoz nacionalista en Medio Ambiente, Luís Bará, acusou o PP de votar en contra dos intereses dos galegos e as galegas ao rexeitar no Pleno a iniciativa lexislativa do BNG para pedir no Congreso a transferencia a Galiza dos servizos meteorolóxicos e poder crear no País unha axencia con competencias plenas neste ámbito a través da cal mellorar as predicións do tempo, a xestión das alertas e das emerxencias e a loita contra o cambio climático.
Un sistema de predición achegado ao territorio contribúe á redución de riscos de desastres e fornece de medios de alerta temperá en casos de riadas, secas, ondas de calor ou frío, contaminación do ar e outros fenómenos meteorolóxicos, precisou Bará, que tamén fixo referencia á importancia de contar coas competencias de meteoroloxía -que o BNG xa reclamou e o PP rexeitou no 2014 e no 20121— á hora de tomar decisións no ámbito da saúde, do ciclo da auga, da produción de alimentos ou das pragas.
Mais no lugar de buscar o beneficio para o País, para a seguridade da súa xente e para protexer os sectores económicos que máis dependen da climatoloxía, o PP de Rueda preferiu, por “puro interese partidista”, seguir as ordes que lle marca Feijóo dende Génova, afondou Bará, que censurou que fronte as competencias plenas que defende o Bloque os populares se conformen cun “sucedáneo”.
“A mensaxe que queren colocar é que queren xestionar os eventos meteorolóxicos extremos para que non pase o que pasou en Valencia, para esconder a desastrosa xestión do seu soldado Mazón e que alí houbo unha responsabilidade clara e absoluta do PP”, apuntou durante o debate o deputado nacionalista.
Na defensa da iniciativa, criticou o “limbo legal” non que se atopa agora Meteogalicia e destacou a necesidade de darlle plenas garantías legais no lanzamento de alertas (agora teñen que ser validadas pola Aemet) e de dotala de máis medios para avanzar na predición do tempo “e que non pase o que pasa agora, cunha información centralizada, nesgada e xeralista, que non ten en conta as diferentes realidades do País”. Información, salientou, que resulta relevante para protexer a vida das persoas e sectores económicos vitais para a economía galega, como o agrogandeiro, a pesca e o marisqueo, o forestal ou turismo.
Bará subliñou ademais a necesidade de que Galiza conte con máis instrumentos para mellorar as prospeccións e os estudios meteorolóxicos co fin de “anticiparse” e facerlle fronte ao cambio climático, dende as particularidades do País e para poder avanzar tamén na loita de fenómenos adversos como os incendios forestais, cada vez máis letais. Censurou, neste punto, que os estudos sobre os efectos do cambio climático en Galiza que manexa a Xunta do PP sexan dos anos 2015 e 2016.
O deputado do Bloque comezou a súa intervención referíndose ao cambio climático como “unha das principais ameazas ás que se enfronta a humanidade” e advertindo que este é un asunto que “non se pode banalizar” porque “é un fenómeno integral, global e o que pase no Ártico, en Groenlandia ou no Pacífico aféctanos directamente nas condicións climáticas e meteorolóxicas”.
É por iso que lamentou “o deseño político do que participa a UE para que a principal preocupación sexa a escalada armamentística e o incremento do gasto militar”, até mobilizar 800.000 millóns de euros que, anticipou, detraeranse da atención da loita contra a crise climática, o incremento das desigualdades ou a privatización dos servizos públicos.
A deriva reaccionaria e ‘negacionista’ do PP
Xunto á deriva bélica, condenou a “regresión reaccionaria” nas políticas medioambientais, denunciando neste punto a “deriva reaccionaria e negacionista” do PP, que abraza as teses máis ultras na Comunidade Valencia da man de Vox e, en Galiza, “merca os terraplanismo” con declaracións como as da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, “auténticas xoias” como dicir que “a xente non bebe auga directamente do rio Ulla” ou que “se queres ter unha bandeira azul hai que poñer unha celulosa á beira das praias”, ironizou Bará.
No mesmo sentido, o portavoz do BNG en Medio Ambiente advertiu das “propostas absolutamente delirantes e perigosas” do Executivo de Rueda, como a campaña na que se presenta a Galiza como refuxio climático, que esixiu retirar. “É unha absoluta banalización, porque en Galiza non hai un único clima e hai zonas no País que xa están sufrindo consecuencias dramáticas en forma de mortes, por exemplo, polas ondas de calor, como é o caso de toda a bacía e dos vales dos ríos Miño e Sil”, advertiu, ao tempo que recalcou os efectos do cambio climático nos sectores produtivos.