Pontón pide a Rueda que deixe a súa soberbia política e atenda o clamor social da xente que defende a riqueza e o futuro do País

Ana Pontón
Ana Pontón

“Ao contrario do que faría calquera goberno sensato, o  PP pon en risco a riqueza da ría de Arousa e da produción agrogandeira da comarca da Ulloa”

Considera unha tomadura de pelo dicir que o Ulla, ao que Altri prevé verter 30 millóns de litros de augas residuais cada día, non abastece á poboación

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “deixe a súa soberbia política” e escoite o clamor social e a marea de dignidade que esta fin de semana saíu á rúa e ao mar na Pobra do Caramiñal para dicir alto e claro que Galiza non quere unha industria contaminante como Altri que ameaza a riqueza do País. 

“O que ten que facer o señor Rueda é abandonar a soberbia política, deixar de criminalizar, deixar de insultar ás persoas que lexítima e democraticamente  acudiron a unha manifestación histórica e deixar de facer de comercial de Altri”, asegurou Pontón, que lamentou que ao contrario do que faría “calquera goberno sensato”, en Galiza o PP estea “poñendo en risco a produción marisqueira da ría da Arousa e a produción agrogandeira, de altísima calidade, da comarca da Ulloa”.     

É por iso que durante a súa visita na Coruña ao Galicia Fórum Gastronómico, unha cita que serve precisamente para enxalzar a excelente calidade do produto galego tanto da terra como do mar, a líder nacionalista instou a Rueda a rectificar atendendo o que lle di a xente que defende o seu futuro e o dos seus fillos fronte á traizón do goberno máis desleal da historia do País.

Criticou así a “sinrazón” dun PP que, dende o Goberno da Xunta, pon en risco máis de oito mil postos de traballo en terra e mar para beneficiar as súas empresas amigas, subliñou aludindo á pasteira lusa e mais a Greenalia, a compañía socia de Altri da que é directiva a ex conselleira Beatriz Mato. “Un exemplo máis de como funcionan as portas xiratorias para o PP e de como iso prexudica os intereses do País”, apuntou.

Neste punto, amosouse convencida de que os galegos e as galegas, e o BNG con elas, non van permitir “unha bomba ambiental contra Galiza, contra a biodiversidade, contra o territorio e contra o medio ambiente”, un “auténtico despropósito” que ademais vai converter o País nun eucaliptal, multiplicando o risco de incendios que iso supón nun contexto de cambio climático. A día de hoxe, destacou, Galiza xa máis que duplica a superficie eucaliptal prevista para o ano 2032.   

Pontón criticou que Rueda non teña para Galiza máis proxecto industrial que unha volta ao pasado, un regreso  “o franquismo industrial das celulosas” que en 1963  impuxo Ence na ría de Pontevedra e agora, 60 anos despois, o PP quere impoñer Altri”.

Unha macrocelulosa, non unha biofábrica

En resposta ás preguntas dos xornalistas, a portavoz nacional referiuse ás declaracións feitas esta fin de semana pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, como unha mostra máis da falta de credibilidade do goberno do PP que, desde primeiro momento está facendo de comercial de Altri. Un executivo que, segundo subliñou, proclamou que o proxecto da planta contaminante era “redondo” antes incluso de que existise un só documento sobre a mesa. “A decisión estaba tomada desde o primeiro minuto”, considerou.   

Segundo asegurou, a  aprobación da Declaración de Impacto Ambiental aprobada pola Xunta do PP é unha decisión política e non técnica que vai en contra de Galiza e a favor de Altri, un informe que está asinado por un alto cargo político “designado a dedo” e que “ten moitos vínculos con Ence”, polo que está en cuestión a súa imparcialidade.

Tirando de ironía, considerou que “o máis loable” das declaracións da conselleira á Cadena Ser é recoñecer por primeira vez que Altri é unha macrocelulosa e non unha biofábrica. “Algo imos avanzando”, dixo, para a continuación cualificar de “tomadura de pelo” que a titular de Medio Ambiente diga que a xente non bebe auga directamente do río Ulla.

“Que nos digan que o río Ulla non abastece á poboación é unha tomadura de pelo”, considerou, lembrando ao respecto que os proxectos de Altri pasan por consumir tanto auga como toda a provincia de Lugo e por verter o río Ulla unha media de 30 millóns de litros de augas residuais cada día, coas consecuencias que iso tería tamén na produtividade da xa danada ría de Arousa.    

Pontón aproveitou a súa visita ao Galicia Fórum Gastronómico, que celebra a súa X edición como unha das citas gastronómicas máis importantes de todo o Estado, para destacar o “excelente nivel da cociña galega” que, segundo considerou, ten unha das claves do seu éxito na calidade da materia prima do País que ten que ser protexida de ameazas como a da pasteira portuguesa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG