BNG critica a “falta de rigor” do Estudo Previo da reestruturación parcelaria en Rairiz de Veiga e reclama un novo modelo baseado na sustentabilidade e garantía da saúde da poboación

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Xosé Luís Rivas afirma que o Estudo Previo  apoia o incremento do tamaño das parcelas que permitirá a demanda de leiras para  novas instalacións gandeiras de tipo intensivo ligadas ás cooperativas ourensás, COREN

Denuncia que xa non existen terras na Limia e arredores para absorber os xurros e estercos xerados polas explotacións intensivas

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro, 2022. O portavoz de Agricultura e gandería do BNG, Xosé Luís Rivas formulou unha pregunta ao goberno sobre o Estudio previo para a reestruturación parcelaria na zona de Rairiz de Veiga e  denunciou que o estudo está elaborado para “favorecer as explotacións intensivas” e non ten en conta  a “situación de risco medioambiental da comarca da Limia”.

O deputado insistiu en que o Estudo Previo “conculca os máis elementais principios que deben informar e motivar calquera  proceso de reestruturación” e engadiu que  

a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, aprobada neste Parlamento hai menos dun ano, establece no artigo 2 facilitar a  adecuación territorial de áreas con elevados valores medio-ambientais ou paisaxísticos, ou ben coa presenza dalgún elevado risco ambiental de tal maneira que se “potencie a conservación e a permanencia deses valores” sen embargo, sinalou que  atendendo ao contido do Estudo, máis ben está orientado a aumentar a “carga gandeira e a contaminación xa existente”.

Para constatar esta afirmación, o parlamentario nacionalista lembrou que o apartado 4 do Estudo Previo explicita que: “...A orientación produtiva da zona de reestruturación está orientada ás producións gandeiras, principalmente as explotacións intensivas, porcino, polos e coellos, que precisan para a súa instalación de parcelas de gran tamaño para cumprir coas necesidades urbanísticas e ambientais, e as producións extensivas de gando bovino e ovino con base territorial...” e no apartado 9 conclúe que : “O incremento do tamaño das parcelas e a súa ordenación permitirá satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos, ligadas ás cooperativas ourensás, COREN, como xa se acreditou nas zonas concentradas limítrofes”. 

A xuízo do portavoz de Agricultura e Gandería do BNG, o texto do Estudo só pode ser cualificado como unha “nova mostra da prepotencia política do Partido popular” e “un abuso e intimidación inexplicables”. O da intimidación, dixo Rivas,  busca amosarlle á cidadanía “quen manda” e a estas alturas xa sabemos a resposta “Coren”.

“Os informes e proteccións medio ambientais non interesan e a lexislación vixente... tampouco” Segundo o deputado do BNG, só importa deixar claro “quen manda”.

Asemade, alertou da “severa ameaza” sobre a Limia ante a posible declaración de vulnerabilidade así como a necesidade de “reducir os vertido de puríns e a lixiviación da galiñaza”.

 Sobre a Limia, insistiu Rivas,  pesa unha “severa ameaza” de posible declaración de vulnerabilidade ademais dunha urxente necesidade,   “reducir drasticamente os vertidos de puríns e a lixiviación da galiñaza”. O nacionalista volveu a reclamar “un novo modelo de produción na senda da sustentabilidade ambiental e garantir a saúde da poboación”.

O deputado tamén criticou a  a falta de diálogo a hora de elaborar o Estudo, “non foi consultada á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático” nin a  Reserva da Biosfera de Allariz e pola súa parte o concello de Rairiz de Veiga,  Deputación e Subdelegación do Goberno, Confederación Hidrográfica Miño- Sil e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio responderon con “silencio” ás solicitudes de informes dos autores do Estudo.

Finalmente, Xosé Luís Rivas preguntou á titular de AGADER cal é a verdadeira razón deste “despropósito”, disfrazado de Estudo previo e porqué non inclúe ningunha referencia “á grave situación de contaminación de augas e solos por nitratos e fosfatos debido a alta carga gandeira.

 “A  submisión da Consellería de Medio Rural e da Dirección Xeral de Estruturas Agrarias á Empresa COREN é tal que nin sequera  disimulan e non teñen reparos para  incluír os intereses da empresas  nos estudos de Concentración Parcelaria”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG